Ana Pontón ve ao candidato do BNG á alcaldía como a mellor alternativa para dinamizar Monforte

IMG-20190215-WA0039
Presentación Monforte

Humanizar o urbanismo, dinamizar o tecido económico e apostar por servizos públicos de calidade, prioridades de Sánchez para o concello

A líder nacionalista salienta que as citas electorais do 28A e do 26M son unha oportunidade para Galiza, tanto no Congreso como nos concellos

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Monforte, Emilio Sánchez, para quen pediu o apoio da veciñanza nas eleccións do 26 de maio “porque ten a convicción de que é posible construír un Monforte de Lemos mellor, máis humanizado, cun urbanismo integrador e colectivo, unha vila á que se lle saque brillo, e que poda ser un lugar de convivencia harmónico e integrador”, destacou.

Pontón tamén salientou que o adianto electoral do 28 de abril é unha oportunidade para iniciar un cambio de ciclo político, no que Galiza volva ter “voz propia” e poña fin a unha lexislatura de discriminación e irrelevancia política á que nos conduciron as forzas estatais.

IMG-20190215-WA0037“É unha oportunidade para dar un paso adiante e confiar no BNG tanto neste concello como de cara a ter representación propia en Madrid”, salientou, “un primeiro paso para facer máis forte ao BNG como garantía de que os intereses dos e das galegas van estar defendidos tanto aquí, no concello de Monforte, como no Congreso”.

Pola súa parte o candidato á Alcaldía, Emilio Sánchez, expresou o seu “orgullo e responsabilidade a partes iguais” ante o reto de liderar a lista nacionalista aos comicios locais da segunda cidade máis relevante da provincia. Un reto que asume, explicou, “coa tranquilidade do traballo feito polo BNG, en positivo e desde o diálogo, poñendo enriba da mesa proxectos para o concello”.

Un traballo político que, de cara á cita electoral municipal, explicou Sánchez, vai estar centrado en tres grandes áreas: urbanismo sostible e humanizador, dinamización económica e servizos sociais.

“Apostamos por unha cidade moderna, accesible, que se distinga como capital da Ribeira Sacra, que mude a percepción negativa que ten a veciñanza e iso pasa por un plan xeral, pola ordenación do tráfico e por humanizar e facer accesible a vila a todas as persoas. Hai que aproveitar o seu potencial”, recalcou Sánchez.

A segunda das prioridades pasa “por mellorar o tecido económico da cidade”, con actuacións como a reforma do mercado gandeiro, facilitando a disposición de solo industrial do polígono ás empresas que se queiran instalar en Monforte e facendo unha clara aposta polo comercio local e a produción de proximidade, onde o sector vitivinícola é punteiro e clave para este concello e comarca.

E, en terceiro lugar, o BNG considera prioritario mellorar os servizos tanto na área urbana como no rural do municipio, empezado por mudar as políticas obsoletas do actual goberno local. “Temos que poñer ferramentas ao servizo da cidadanía para superar o pensamento negativo e o pesimismo que lastra o futuro de Monforte”, concluíu Sánchez. “Imos traballar cunha candidatura conformada por homes e mulleres que van dar o mellor de si mesmas para que Monforte avance”.

Xunto coa líder nacionalista, participaron no acto de presentación arroupando ao candidato a deputada por Lugo, Olalla Rodil, así como o responsable comarcal, Ricardo Rodicio, nunha presentación aberta á veciñanza no centro cívico de Monforte que contou coa presenza de unha nutrida representación de militantes e simpatizantes do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG