Ana Pontón urxe á Xunta a poñer en marcha medidas “urxentes, rápidas e eficaces” para frear o aumento de contaxios da Covid19

Ana Pontón
Ana Pontón
Pide realizar test masivos á poboación da área da Coruña, incrementar o número de rastreadores e un plan para o  inicio de curso con menos ratios, máis profesorado e investimento público

Acusa á Xunta de “botar balóns fóra” e  insta a  Feixóo a exercer as competencias en sanidade e educación para garantir unha volta segura  ao colexio

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón insistiu hoxe na necesidade de poñer en marcha medidas urxentes ante o aumento de casos por  contaxios da Covid-19.A Xunta de Galiza, afirmou,  non pode seguir botando “balóns fóra” e debe exercer as súas competencias en materia de sanidade e educación con medida que garantan unha volta segura ao colexio.

A nacionalista trasladou o apoio do BNG ás familias galegas preocupadas polo inicio do curso escolar e criticou que os actuais protocolos “non garanten unha volta segura aos centros”. Neste sentido, demandou “executar un plan con menos ratios por aula, máis profesorado e investimento público”. A día de hoxe, dixo, as medidas non resolven o problema e  asegurou que o anuncio de tests serolóxicos, que finalizarán transcorrido un mes, non responde á contención da expansión do virus, sobre todo na área da Coruña na que a Xunta recoñece que existe transmisión comunitaria.

A portavoz nacionalista tamén se referiu ao anuncio da contratación de 240 profesores e profesoras que na súa opinión, resultan “insuficientes” para cubrir as necesidades de máis de mil centros escolares. Esta medida, reiterou, non responde ás demandas da comunidade educativa. A volta ao colexio  “debe ser segura” e garantir o dereito á saúde e a educación nun contexto de pandemia. No parlamento galego, explicou Pontón hai mamparas  nos escanos pero para os nenos e nenas galegas non existe ningunha medida extraordinaria, as mamparas que precisa o sistema educativo é “reducir as ratios e máis profesorado”. É preciso investir nas medidas de desinfección sen que esta partida recaia sobre as administracións locais con poucos recursos e todas as medidas de desinfección, engadiu, deben ser financiadas pola Xunta de Galiza.

A líder do BNG volveu a reclamarlle á Xunta “medidas eficaces” e abandonar “as cortinas de fume e  as operacións cosméticas” que non van ao fondo do problema. É necesario realizar “test masivos á poboación na área da Coruña e incrementar o número de  rastreadores” porque Galiza continúa rexistrando os peores datos de rastrexo.

Os focos da Covid deben ser localizados para que a situación da Coruña non se reproduza no resto do país, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG