Ana Pontón urxe a Rueda a restituír a tarxeta básica que sufraga alimentos a persoas e familias sen recursos

Ana Pontón
Ana Pontón
Critica que o Goberno do PP “siga cruzado de brazos e insensible”, subindo o prezo da auga a miles de persoas en plena crise de prezos

A portavoz nacional, Ana Pontón, volve pedir a Goberno do PP que actúe ante a maior crise de prezos en corenta anos, porque pasan os meses cunha inflación disparada pero o Executivo de Alfonso Rueda sigue “cruzado de brazos” ou mesmo adoptando medidas que lonxe de supoñer un alivio para a maioría social, supón unha carga.

“Todo sube e o Goberno do PP segue de brazos cruzados e lonxe de axudar o que fai é poñer paus nas rodas”, denunciou, con “anti-medidas” como  subirlle a auga a miles de galegos e galegas ou suprimir a tarxeta básica que subvencionaba os gastos básicos de comida e de produtos de hixiene a miles de familias con apenas ingresos.

En lugar de alixeirar a carga da inflación, “o PP pon pedras sobre as persoas que teñen máis dificultades polo seu escaso nivel de renda”, recriminou Pontón, “en lugar de achegar medidas eficaces para paliar o impacto dos prezos, aproveitando as súas competencias, o que fai o Goberno do PP é ir na dirección contraria, como vimos co exemplo da subida da auga ou da retirada da tarxeta básica”.

Neste sentido, Pontón pide a Rueda que “rectifique” e xa avanza que o BNG pedirá no próximo pleno a restitución desa medida de protección das familias máis desfavorecidas,  “porque estamos falando de axudas para poder comer e resulta incrible que o Goberno do PP demostre tanta insensibilidade e tanta falta de corazón”.

A líder do Bloque, que hoxe visitou en Chantada diversos proxectos empresariais,   demanda ó  Executivo popular “que se poña a traballar para paliar os efectos da escalada inflacionista”,  ao tempo que explica as medidas da formación nacionalista. Entre elas, as destinadas ós colectivos máis vulnerables:  subida do complemento autonómico das pensións non contributivas, incrementar a RISGA e facela compatible co IMV ou aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, disparados sobre todo por efecto da factura enerxética.

Igualmente,  o BNG propón mobilizar 700 M€ para conceder axudas directas ás PEMES e ós sectores produtivos máis impactados polo descontrol de prezos, que está afectando a competitividade e, por tanto, poñendo en risco a supervivencia de moitas pequenas e medianas empresas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG