Ana Pontón traslada o total apoio do BNG en defensa do Hospital da Mariña contra os recortes do PP

Ana Pontón no Hospital da Mariña
Ana Pontón no Hospital da Mariña

Critica ás derivacións a Lugo obrigando ás persoas doentes a percorrer cen quilómetros e a perder toda a mañá por un tratamento de dez minutos

O BNG insta a mobilización social para frear este novo ataque á sanidade pública e anuncia unha emenda de devolución ao proxecto do Goberno

Na ronda de encontros en relación a contrarreforma sanitaria do Goberno de Feijóo, a portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo unha reunión coa xunta de persoal do Hospital da Costa, en Burela, que atende unha poboación de 80.000 habitantes pero que soporta un desmantelamento de servizos e un proceso de privatización ao que ven sumarse agora a intención do PP de suprimir a área sanitaria da Mariña.

“O PP ten unha folla de ruta para privatizar e desmantelar a sanidade pública ameazando un dereito á saúde que levou moito tempo conquistar, e agora esta contrarreforma sanitaria que implica afondar nos recortes de servizos no Hospital da Costa, con categoría de xeral, que presta atención a toda a comarca da Mariña”, indicou Pontón en relación ao proxecto de reforma da Lei de Saúde do Goberno de Feijóo.

A dirixente do Bloque advertiu dos efectos de afastar a prestación sanitaria da poboación, que no caso da Mariña implica “derivación de pacientes ao Hospital de Lugo a 100 quilómetros de distancia como media, o que vai claramente en contra do dereito á saúde da cidadanía, pois o factor proximidade é clave para garantir a calidade”.

“Hai moitos problemas, pero estamos ante un Goberno cuxa única preocupación é desmantelar a sanidade pública a favor de intereses privados que pretenden facer negocio coa saúde das persoas. Hai un descontento crecente, e desde o BNG imos facer unha campaña intensa de información, concello a concello, porta a porta, para frear esta nova estafa que é o roubo da sanidade pública, cando o que se piden son melloras no sistema público de saúde”, indicou.

“Imos plantarlle cara a esta contrarreforma traballando man a man co persoal sanitarios, coas plataformas en defensa da sanidade pública, coas persoas afectadas e con todos os colectivos sociais que loiten por un sistema público de saúde de calidade”, recalcou nunha xuntanza na que tamén estivo a deputada por Lugo, Olalla Rodil, e responsables locais e comarcais do Bloque.

Como  primeiro paso, Pontón anunciou a presentación dun emenda de devolución a proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza remitido polo Goberno que, con toda probabilidade, se debaterá no Parlamento a mediados de febreiro.

“Que teña claro Feijóo que o BNG vai plantar cara a esta contrarreforma e, con suficiente mobilización e contestación social, seremos capaces de parar este novo golpe á sanidade pública, golpe que tería consecuencias nefastas para a veciñanza desta comarca que leva moito tempo reivindicando melloras no Hospital da Costa”, indicou.

ANAPONTON HOSPITAL DA MARIÑA2Recortes de Feijóo

A xunta de persoal trasladou á formación nacionalista as carencias do centro hospitalario que obriga a desprazarse ata o HULA a miles de persoas doentes, usuarios e usuarias que para consultas, revisións ou probas que apenas duran dez minutos precisan estar toda a mañá en Lugo, cos custes de desprazamento que supón así como o esforzo persoal, -mesmo físico debido a doenza-, e familiar que implica.

O proxecto de reforma da Lei de Saúde  que ven de aprobar o Goberno de Feijóo “é un paso máis nesa dirección daniña”, que pretende converter a sanidade pública en subsidiaria da privada. Desde que Feijóo chegou á Presidencia, a sanidade pública perdeu 700 camas e 2.000 millóns de euros de recursos na atención primaria, un 15%, “recortes que acaban pagando os e as usuarias con peor atención”.

Bases Democráticas

Na xornada de traballo na Mariña, Pontón tamén visitou Viveiro onde mantivo un encontro cos distintos colectivos económicos e empresarias da comarca, que lle trasladaron a súa preocupación polas deficientes comunicacións na zona, tanto por estrada como ferroviarias, incluíndo a cuestión da apertura do dique norte de Alcoa para tráfico comercial.

A visita a comarca concluíu cun acto público de presentación das Bases Democráticas, proposta política do BNG para avanzar na soberanía de Galiza superando o actual marco institucional da Constitución e do Estatuto herdados do réxime do 78, “caduco e fracasado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG