Ana Pontón traslada o apoio do BNG a traballadores e traballadoras de Alcoa na marcha da cidade da Coruña

Ana Pontón e Francisco Jorquera
Ana Pontón e Francisco Jorquera

Pide a “retirada do ERE extintivo” e  crear  unha Mesa con  sindicatos, organización políticas e Xunta de Galiza para conformar unha fronte política e de país para  garantir o emprego  e futuro da fabrica

Ana Pontón traslada o apoio do BNG a traballadores e traballadoras de Alcoa na marcha da cidade da Coruña

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe na marcha organizada polos traballadores e traballadoras de ALCOA na cidade da Coruña, acompañada do membro da Executiva Nacional, Xosé Luís Rivas e o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera.

Na marcha contra o peche de ALCOA, dende a fábrica ate a Delegación do Goberno na Coruña,  Pontón trasladou aos traballadores e traballadoras o apoio do BNG ante o anunciou do ERE extintivo na empresa e  manifestou que tanto a empresa  como o goberno da Xunta de Galiza deben ser conscientes de que existe unha multitude en Galiza contraria “ao peche e  perda de 400 postos de traballo”.

Pontón reclamou unha solución ao que chamou “un problema de país” para o que, na súa opinión, resulta imprescindible conformar “unha fronte política” que defenda  o emprego en ALCOA. Neste momento, explicou a nacionalista,  o goberno da Xunta é responsable de presentar unha alternativa contra o desmantelamento da fábrica e para iso, é preciso crear unha mesa con presenza dos sindicatos, Xunta, organizacións políticas  e institucións galegas destinada a garantir o emprego e  futuro de ALCOA.

Por outra banda, a portavoz do BNG insistiu na necesidade de abordar a modernización e transformación das instalacións de ALCOA e volveu reclamar “a retirada do ERE extintivo” porque sabemos, afirmou, que a fábrica da Coruña é “rendible, competitiva e non permitiremos que esa riqueza sexa estragada polos intereses dunha multinacional”.

O goberno, asegurou, conta con ferramentas para impedir o peche de ALCOA e advertiu que en Galiza, “non permitiremos o seu peche”.