Parlamento Galego

Ana Pontón tende a man a un “gran acordo de país” para un concerto económico e unha tarifa eléctrica propia

  • A  portavoz do BNG no Parlamento salientou  que hai empresas, como Fenosa, con sede fora de Galiza,  que non figuran na recadación de Impostos de sociedades. Pontón afirmou que cunha  tarifa eléctrica propia, “unha factura de 150 euros pasa a 102 €”  

A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón preguntou hoxe a Núñez Feijóo  se está disposto a dotar a Galiza  dun Sistema de financiamento que incrementaría en 3.500 millóns de euros os recursos da Xunta  e dunha tarifa propia que abarate o recibo da luz. Neste sentido,  Pontón propuxo na Cámara galega “un grande acordo de país ” para acadar un concerto económico  e unha tarifa eléctrica  galega.

Coas cifras oficiais de 2014, explicou a nacionalista,  Galiza aportou ao Estado por  impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M. Ademais, destacou que “hai empresas como Fenosa que manteñen a súa sede fora de Galiza e non figuran na recadación de Impostos de sociedades”.Co cupo pagariamos  ao estado 630M€, deixando  un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.

Estes cartos adicionais que agora se perden, explicou a nacionalsita, “acabarían cos recortes en sanidade,  educación,  lei dependencia e  servizos sociais e, ademais, non sería preciso endebedarnos tanto como está facendo vostede, que triplicou a débeda galega. Insisto, explíquenos “porqué vostede quere que Galiza renuncie a beneficiarse da súa riqueza cun  concerto económico  ter autonomía financeira plena”.

En Galiza, argumentou Pontón,  somos “excedentarios na produción de enerxía eléctrica” e de feito ,  un só concello como Caldas de Reis produce máis electricidade que toda a comunidade autónoma de Madrid, pero  “pagamos  unha das tarifas máis altas de Europa” e estamos regalándolle “solidariamente” a electricidade ao resto do estado. Isto,  responde a unha decisión política dunha tarifa única que nos obriga a pagar o custe da distribución da enerxía.

Subida da luz

Despois de preguntarlle a Feijóo se sabe canto vai subir a luz este mes, Pontón interpelou ao titular do Executivo preguntándolle novamente se prefire, defender unha tarifa eléctrica propia que abarate a factura da luz para os galegos e galegas ou si  prefire seguir mantendo os privilexios das eléctricas e os seus beneficios multimillonarios.

“Saía á rúa e explíquello ás galegas e galegos que non poden prender a calefacción e están na súa casa pasando frío”. Explíquellelo e  aproveitando que está na rúa, explíquelles tamén  ás persoas que sufriron e sofren, en primeira persoa os recortes, que vostede vai ser “un tapón para que Galiza teñan un sistema de financiamento xusto que garanta servizos públicos de calidade”.

O BNG tende a man a un “gran pacto de país” para un concerto económico e unha tarifa eléctrica

Agardo Sr feijóo, volveu a preguntar a parlamentaria do BNG,  que por unha vez,  diga cales son as súas contas e  abandone  o vello conto de que os galegos e galegas vivimos dos demais. A súa única contribución ao debate do financiamento foi “asinar o actual sistema, un desastre para Galiza.”.

Pode darlle as voltas que queira pero non hai un só argumento de peso para rexeitar o concerto económico. “Se os vascos o teñen e lles foi de marabilla, se os cataláns o queren porque saben que lles vai ben, por que engana vostede aos galegos e galegas e quere demonizar o concerto?”.

Sr. Feijóo tendemos a man  “un grande acordo de país” que acabe co espolio dos noso impostos e  co espolio enerxético. Queremos  un Sistema de financiamento que incrementaría en 3.500 millóns de euros os recursos da Xunta  e unha tarifa propia que abarate o recibo da luz porque se  eliminamos o custe de distribuír a enerxía fora e aplicamos á electricidade o IVE dos produtos de primeira necesidade, “reduciriamos substancialmente a factura eléctrica. Isto é, unha galega que tivera unha factura de 150 euros, pasaría a pagar 102 euros. Vote contas, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG