Ana Pontón: “A subordinación de Feixóo a Casado fai que Galiza perda millóns de euros en financiamento”

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG rexeita o teito de gasto por insuficiente,  limita o investimento, é non cubre as necesidades en servizos públicos, emprego e dependencia

Reclama un concerto económico para Galiza para que  decisións non se tomen en Madrid ou Bruxelas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  anunciou hoxe o voto en contra ao teito de gasto do Partido popular porque  “ limita o investimento e non cubre as necesidades dos servizos públicos, emprego e dependencia”.

Pontón afirmou que a subordinación de Feixóo a Pablo Casado fai que Galiza perda centos de millóns de euros en financiamento e cualificou o  teito de gasto  de  “corsé” que persiste nos mantras neoliberais. Estes orzamentos “non resolverán que miles de persoas teñan que apertarse o cinto para pagar as facturas e cobrar os salarios máis baixos”.

A nacionalista cuestionou un marco que prima os  intereses dos bancos, por riba dos intereses das persoas. Dende o BNG, dixo, consideramos que a  economía debe estar ao servizo das persoas, e non ao revés. Nesta liña,  rexeitou que sexa  Madrid e Bruxelas quen deciden sobre aspectos clave da economía galega, os seus servizos públicos,  cantos profesores e médicas podemos contratar, ou cantos  recursos podemos destinar á creación de emprego.

Na súa intervención,  a portavoz do BNG dirixiuse  ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez,  ao que preguntou  se  está satisfeito co seu papel no Consello de Política Financeira e Fiscal porque, ao seu entender, “o conselleiro foi  a  votar non a unha proposta para incrementar capacidade de investimento, senón,  única e exclusivamente o que  decidiu Pablo Casado” e nin sequera conseguiu “condonar  a débeda da  Coruña”. Polo contrario,  o Goberno Valenciano negociou o cambio de voto no Consello fiscal e conseguiu 850 millóns de investimento! Que conseguiu vostede para Galiza? reiterou Pontón. “Non cree que sería moito mellor poñer sobre a mesa as propostas que a Galiza lle interesa e deixar de ser reféns dos intereses do PP e de Pablo Casado?”.

O PP CONDUCE A GALIZA Á IRRELEVANCIA POLÍTICA

A súa política económica, conduce a Galiza á “irrelevancia política” e isto tradúcese en discriminacións e agravios. “Primeiro co PP e agora co PSOE”. Neste sentido lembrou que os resultados da austeridade “non fan que Galiza progrese, sitúaa  nunha posición de desvantaxe”, o deserto demográfico avanza, Galiza perde poboación, seguimos tendo emigración e segundo a EPA desde que goberna Feixóo a taxa de desemprego incrementouse en dous puntos, un 15,7% máis.

Pero sen dúbida, engadiu,  o peor comportamento é o das persoas ocupadas, menos emprego que antes da crise!!! e cun panorama para a mocidade desalentador: O maior descenso da ocupación prodúcese entre a xente moza, hai menos xente nova con traballo, “a súa austeridade deixa un burato de 151.000 mozas e mozos menos con emprego”.

Para Pontón os datos tamén confirman o aumento das desigualdades cunha  fenda salarial que sigue medrando e provocando que as mulleres cobremos de media case 5.500 euros menos que os homes e iso, dixo, “que Feixóo prometeu acabar coa fenda salarial”.

Sobre a débeda pública, a portavoz nacionalista negou que o PP sega afirmando que a reduce cando en realidade,  dende que goberna  Feixóo, a débeda alcanza os  que  15.000 millóns de euros, “triplicaron a débeda” polo que pediu, menos “posverdade e máis realismo”.

Ademais os nosos servizos públicos padeceron drásticos recortes e privatizacións, “ temos menos médicos, menos profesores, máis listas de espera e miles de dependentes sen a atención á que teñen dereito”. E a pesar desta situación, hoxe ven o conselleiro facendo de discípulo  de Feixóo, “o Presidente-Profeta da posverdade,” a repetir  a mentira de que nunca estiveramos tan ben. “No BNG temos claro que outra Galiza é posíbel se mudamos o rumbo, por iso non podemos apoiar esta proposta de teito de gasto”.

Necesitamos un novo modelo de financiamento para poñer en marcha unha fiscalidade xusta e recadar os impostos. Esta proposta permitiríanos ter máis recursos para sanidade, educación, dependencia ou impulsar un novo modelo produtivo baseado en pechar ciclos produtivos e na innovación. Este teito de gasto, “deixa ao descuberto un sistema de financiamento inxusto con Galiza” xa que as aportacións por este modelo só serán incrementadas nun 0,8% a pesar de que o Estado prevé unha subida dos ingresos dun 5,7%.

TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

Pontón anunciou que o BNG volverá a traer ao Parlamento a creación da tarifa eléctrica galega para beneficiar ás persoas usuarias e empresas. Despois de dicirnos o Sr. Feixóo que a tarifa vasca non existe, “Bruxelas autoriza a factura da luz da industria vasca” cunha rebaixa de 120 Millóns na tarifa das súas  empresas  e iso que non existía, ironizou. A portavoz nacionalista criticou que o Partido popular prefira a “posverdade á realidade” xa que  hoxe mesmo soubemos que o Tribunal Supremo lle esixe ao  goberno que suba a luz a todos os galegos e galegas como consecuencia das políticas enerxéticas do Partido popular.

Dende o BNG, “reclamamos que paren este tarifazo” porque é un “escarnio” que paguemos a luz máis cara sendo  produtores de enerxía polo que anunciou a presentación de novas iniciativas para abordar o debate da tarifa eléctrica galega porque non podemos permitir que “mexen por nós e digamos que chova”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG