Ana Pontón sorteará o veto do PP preguntando a Feixóo pola “auditoría pantasma” de KPMG

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil

“Imos facer todo o posible para airear as mentiras que o presidente da Xunta quere meter debaixo da alfombra e que nos fixeron perder 9.000M€”

O BNG tamén leva ao pleno a defensa da lingua e a supresión dos informativos locais na Radio pública, a un ano das eleccións municipais

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “extrema gravidade” que o presidente da Xunta xustificase a fusión das caixas galegas, -antesala da desaparición do sistema financeiro de Galiza-,   amparadas nunha suposta auditoría que a empresa redactora  KPMG reduce a mero informe de feitos que, en ningún caso, recomendaba a fusión das entidades galegas.

Ante o veto do PP á comparecencia de Feixóo, Pontón utilizará a sesión de control para preguntar ao xefe do Executivo por que “mentiu e enganou a toda Galiza” usando unha “auditoría pantasma” para xustificar unha decisión que custou 9.000 M€ en rescatar unhas entidades vendidas despois a prezo de saldo, decisión que, ademais, pode ser constitutiva dun delito de falsidade documental e de prevaricación.

De feito, alegou a dirixente do Bloque, o artigo 390 do código penal define falsidade documental por parte dunha autoridade pública no suposto de “alterar un documento nalgún dos seus elementos ou requisitos de carácter esencial, simular un documento en todo ou en parte de maneira que induza a erro sobre a súa autenticidade ou faltar á verdade na narración dos feitos”.

“Acabamos de ver como a falsificación documental dun máster provocou a caída de Cristina Cifuentes en Madrid, e sen embargo, ante unha suposta falsificación documental dunha auditoría que nos fixo perder 9.000M€ e as caixas de aforro, o PP pretende que metamos o lixo debaixo da alfombra”, denunciou Pontón, “pois que lles quede claro que desde o BNG imos facer todo que estea nas nosas man para chegar ao fondo e airear as alfombras das mentiras e corruptelas de Feixóo”.

Entre as cuestións que o Bloque levará ao próximo pleno, unha proposta en defensa da lingua nos medios de comunicación e nas industrias culturais, onde o galego está discriminado fronte a outras linguas do Estado, “en particular en plataformas dixitais como Netflix, HBO ou Movistar+, básicas para fomentar o uso do galego entre as novas xeracións, e onde Euskadi e Catalunya levan anos de traballo para ofertar subtítulos nas súas linguas propias, mentres a Xunta non moveu nin un só dedo nesta dirección”.

Pontón convidou a participar na manifestación prevista o Día das Letras Galegas “para expresar nas rúas o amor polo galego como algo que nos une a todos e todas,  e para darlle a volta a situación de acoso e de discriminación á lingua por parte do PP, empeñado en seguir co seu escrache ao noso idioma”.

A radio pública suprime informativos locais

O BNG tamén preguntará ao Goberno polos cambios na programación da radio pública que implican minorar espazos adicados á cultura e a supresión dos informativos locais a un ano das eleccións municipais.

“O galegos e as galegas teñen dereito a saber que lle parece ao Goberno que, despois de destinar 100 millóns de euros aos medios públicos, -90.000 en concepto de salario do director xeral da CRTVG-, que para saber que pasa nas cidades galegas teñamos que recorrer a emisoras privadas”, interpelou, “nada que obxectar a que os medios privados fagan o seu traballo claro está pero, despois de pagar 100 M€, os galegos e as galegas temos dereito a que a radio pública non informe sobre o que pasa nas cidades do país”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG