Ana Pontón: “Son os orzamentos dun Feixóo que pensa Galiza en pequeno, non reforzan a sanidade e son inútiles contra a crise”

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica a política fiscal do PP que baixa impostos ás rendas altas e drena cartos ó sector privado na sanidade, educación e residencias de maiores

Denuncia a falta de proposta a favor do sector industrial: “Non busquen nestas contas a partida para a intervención pública de ALCOA, non existe”

O PP triplicou a débeda que pagarán as xeracións futuras pero, en plena crise, baixa as partidas en conciliación, igualdade e inclusión social

Se os orzamentos son o DNI dun goberno, as contas públicas de 2021 mostran un Executivo de Feixóo sen ambición, que non achega solucións para axudar a superar a crise, que non reforza os servizos públicos e que son inxustos tanto no social como no fiscal, pois recorta investimento en inclusión e políticas de igualdade e canto máis alta é a renda, maior é a baixada de impostos.

“Son os presupostos dun presidente empeñado en pensar Galiza en pequeno, cando máis se precisa pensar Galiza en grande; que nun momento extraordinario presenta unhas contas ordinarias, uns orzamentos deseñados para levarnos cara atrás, ao pasado da vella normalidade, en lugar de levarnos cara o futuro”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, que defendeu a emenda á totalidade presentada polo BNG.

Para a líder nacionalista, estamos ante unhas constas pública “inútiles” para saír da crise e afrontar os grandes retos que o País ten por diante, no económico, no social e no ambiental.

“Son uns orzamentos inútiles para sentar as bases dun modelo económico desde a ciencia e a investigación, para frear a desertización industrial, para reforzar os servizos públicos, para avanzar no coidado das persoas maiores desde residencias públicas e inútiles para darlle un futuro á xente nova e traer de volta aos 200.000 mozas e mozas emigrados, cando sería o mellor antídoto contra a brutal crise demográfica do País”, denunciou. En definitiva, subliñou, “son as contas dun PP atrapado no pasado en lugar de ter un proxecto de futuro”.m

Pontón tirou de datos para ir desmontando a versión propagandística difundida desde o Goberno popular. Para empezar, o orzamento nin é expansivo, nin histórico, pois descontados os 211 M€ do IVE de 2017  é inferior ó do pasado exercicio e, descontada, a inflación, hai 1.856 M€ menos que os dispoñibles en 2009. E isto, pese a que o Executivo de Feixóo triplicou a débeda, que hoxe é de 14.258 M€  e equivale ao 20,78% do PIB, fronte ao 8,6% de 2009.

“Xa virán as futuras xeracións a pagar”,  sintetizou Pontón quen, ademais, se preguntaba en que se gastou, “desde logo non foi para reforzar a sanidade, nin para construír residencias da terceira idade, nin para salvar empresas en crise”. De feito, a líder do Bloque puxo o foco sobre a falta de propostas para o sector industrial, cunha pregunta: “En que parte deste orzamento está a partida para a sufragar a intervención pública de ALCOA para garantir o futuro da Mariña? Non a busquen que non a encontrarán”.

Pontón foi especialmente crítica coa política fiscal que recollen estes orzamentos, recriminando que Feixóo, a modo de “trumpismo” sen Trump, repita a vella receita de baixarlle aos ricos.

A farsa fiscal do PP

“Canto máis alta é a renda, maior beneficio fiscal. Quen perciba unha base liquidable inferior a 20.200 €, aforra 20€/ano; en cambio, se esta entre 60.000 e 100.000, a rebaixa é de 495€, 25 veces máis! Para situarnos, só un 2,56% dos e das galegas superan os 60.000 € líquidos anuais. “Nisto consiste a rebaixa fiscal do PP, que sería mellor chamar farsa fiscal ou inxustiza fiscal”, criticou, tras deixar claro que o BNG está no lado contrario, “quen máis gana, debe pagar máis”.

No repaso das cifras, puxo o foco nos recortes en sanidade, “pois teñen a cara dura de baixar a partida de atención primaria”, o que cualificou de “indecente” coas persoas usuarias e cos profesionais da sanidade pública “aos que tanto lle debemos”. Pero o logro do PP foi crear listas de espera para ter consultas presenciais coa médica de cabeceira, e todo iso mentres se sigue drenando recursos para o sector privado.

No ámbito social, lamentou os recortes en igualdade, conciliación e inclusión nunha Galiza con 694.367 persoas en risco de pobreza ou exclusión social. E que, pese á pandemia, non haxa ningún cambio nun modelo que fai negocio coa vellez pois segue drenando recursos públicos , 74 M€. Educación é outra das áreas nas que o PP rega o sector privado con millóns de euros, - 264-, mentres se recorta no ensino público en partidas como transporte e comedores escolares, e se conxela a formación profesional. Hoxe hai 2.400 profesores e profesoras menos no ensino non universitario.

De novo, as contas de 2022 inclúen recortes en normalización lingüística e cultura, de tal xeito que a Xunta destina 27.000 euros diarios a manter aberta a CDC, “máis cartos para os edificios que para os creadores e as creadoras de cultura que soportan a crise”, criticou.

En vivenda, partidas zombie

En vivenda, a política de Feixóo é inexistente, con partidas zombi que non se executan, pese a ter Galiza unha das taxas de emancipación máis baixas do Estado. E outro tanto pasa coas partidas destinadas á promoción do emprego, cun nivel de execución moi baixo nun País marcado pola emigración, pola baixa taxa de actividade e pola precariedade, ao que se suma que os últimos datos marcan unha tendencia negativa do mercado laboral.

Pese á crise industrial, non hai medidas de calado nin para rescatar Alcoa, nin ningunha outra empresa nun sector que perdeu 14.700 postos de traballo e que ten miles de empregos en risco polos custes enerxéticos nunha Galiza rica en electricidade. Pero o custe de pagar os intereses da débeda é catro veces máis alto que o orzamento para a política industrial.

Tampouco se aportan medidas para afrontar o reto ambiental, a emerxencia climática, a xestión de residuos ou do ciclo da auga, máis aló dunha proxectada nova Lei do ciclo da auga que suporá un incremento no prezo dun ben básico. O BNG aposta pola transición enerxético, “pero iso non pasa por un boom eólico depredador a favor dos lobbys económicos amigos do PP”, senón por poñer a riqueza de Galiza ao servizo da maioría social. E desde logo, hai que poñer en marcha un novo modelo económico con base na ciencia e na investigación, xusto o contrario do que leva facendo o Executivo de Feixóo na última década con niveis mínimos de investimento en I+D+i.

“Estes orzamentos son inútiles para o momento actual, non aporta solucións e por iso presentamos unha emenda á totalidade, sabendo que van aplicar o seu habitual rodillo absolutista. Pero, cando menos, señorías do PP, teñan a humildade e a intelixencia de negociar co BNG as emendas parciais para darlle a Galiza unhas contas públicas útiles para o reto de saír da crise”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG