Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón sobe ao camión para reivindicar unha AP-9 galega e libre de peaxes

Replica a Feixóo que simetría é deixar de pagar a AP-9 igual que nos territorios con autoestradas coetáneas nas que xa finalizou a concesión

Rego avanza que conseguir a transferencia será obxectivo prioritario do BNG no Congreso, tras a inacción das forzas estatais

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, subiron ao camión para desprazarse entre o polígono de Sabón en Arteixo até o polígono da Sionlla en Santiago, nunha viaxe simbólica para reivindicar a transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes.

O obxectivo desta especie de trailer movie é denunciar o lastre que as abusivas peaxes supoñen para o sector do transporte, PEMES e para os 22.000 galegos e galegas que a usa a diario, por iso o BNG terá como prioridade no Congreso conseguir a transferencia, despois da inacción política, cando non do veto sistemático, imposto polas forzas estatais.

“Coa forza das urnas imos ir a Madrid e condicionar as decisións que se tomen en relación coa AP-9, a partir do 10N imos defender no Congreso que a AP9 ten que transferirse a Galiza e que ese sexa o inicio da fin dunhas peaxes que son unha estafa legalizada polo PP e polo PSOE, que non fixeron máis que mirar polos intereses da concesionaria e poñerse en contra dos intereses dos e das galegas”, recalcou a portavoz nacional.

Un compromiso que tamén destacou Nestor Rego: “este será un tema preferente no Congreso, porque as forzas políticas que tiveron a posibilidade de acabar con esta estafa, -PP desde a Xunta, e PSOE desde o Estado-, non moveron un dedo para iso. Non entendemos esa cerrazón máis aló da discriminación con Galiza cando ao mesmo tempo o Executivo central destina 4.000 millóns de euros a rescatar as radiais madrileñas con baixadas das tarifas”, denunciou.

Con esta viaxe-denuncia, na que o BNG contou coa colaboración de FETRAN, queríase poñer o foco “no que significan as peaxes para o sector do transporte que é o mesmo que dicir para a economía tendo en conta que unha gran parte de mercadorías de distintos sectores se distribúen por estrada”, indicou Pontón.

Camión AP-9A modo de exemplo, e citando datos facilitados por FETRAN, -que agrupa a 1.500 transportistas- un profesional do transporte que faga este mesmo percorrido A Coruña-Santiago tres veces ao día ten un custe de explotación de 1.770 euros mensuais, no suposto dunha ruta entre A Coruña-Vigo con dúas viaxes diarias, moi frecuente no transporte por estrada, o custe de explotación sería de 2.832 euros cada mes.

Máis caras e por máis tempo

Por iso é urxente acadar a transferencia para poñer fin a este abuso xestionando desde Galiza esta infraestrutura clave para o país. “Desde logo a solución non vai vir pola simetría das peaxes que propón Feixóo, porque lembremos que só hai tres autoestradas en todo o Estado coa concesión máxima de 75 anos, e dúas están en Galiza, o que significa que aos e ás galegas se nos obriga a pagar durante máis tempo”, argumentou.

En todo caso, a simetría da que fala o presidente da Xunta, replicou Pontón, “significaría que deixásemos de pagar as peaxes da AP-9 porque as autoestradas construídas na mesma data xa están libren de peaxes ou a punto de rematar a concesión, esa é a simetría que hai que demandar, ou a simetría da transferencia desta autoestrada a Galiza como se fixo con vías similares a Euskadi e Catalunya durante gobernos do PP mentres sigue o veto a este país”.

Unha infraestrutura amortizada

Rego insistiu en que unha AP9 galega e libre de peaxes “é de xustiza”. “Que deixen de espoliarnos con peaxes por unha infraestrutura que ten amortizado o investimento pero ten das tarifas máis altas do Estado, que este ano volveron subir un 3,5%, e sen bonificación nin por uso, nin por horario”.

Un recente informe da propia AUDASA (2017) cifraba en máis de 2.500 millóns de euros a recadación a costa da AP-9 e, cando a concesión ampliada sucesivamente polo PSOE e polo PP até os 75 anos actuais finalice, AUDASA terá ingresado un total de 14.500 millóns de euros, “unha barbaridade”, sentenciou Pontón.

Mentres os beneficios da multinacional non deixan de aumentar a unha media do 33% anual, a cifra de emprego que xera non deixou de baixar ao mesmo ritmo, un 33% entre 2004 e 2019, pasando de 315 a 214 postos de traballo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG