Ana Pontón salienta o papel económico e de cohesión social que desenvolve o campus universitario de Ourense

Encontro con investigadoras
Encontro con investigadoras

Propón incrementar o financiamento ás universidades, dar estabilidade ao persoal docente e investigador e reforzar o sistema de bolsas

Encontro coa equipa directiva encabezada polo vicerreitor Virxilio Rodríguez e reunión cun nutrido grupo de investigadores e investigadoras

Ana Pontón salienta o papel económico e de cohesión social que desenvolve o campus universitario de Ourense

A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou o papel “fundamental” que ten o Campus universitario de Ourense na dinamización económica e na cohesión social en toda a provincia, onde actúa como factor de impulso do potencial de Ourense desde o ámbito académico, con especializacións en sectores de referencia como o agroalimentario, o vitivinícola ou o termal, ademais de apostar por novas titulacións como a recente enxeñeira aeoroespacial, implantada con gran éxito, e por singularizarse con iniciativas como o Campus da Auga.

Cun total de 4.578 matrículas o e que, -ademais do dinamismo económico directo e indirecto-, contribúe a fixar poboación tendo en conta que as persoas tenden a desenvolver o seu proxecto vital no lugar onde estudaron, e cumpre tamén unha función social,  posto que facilita o acceso ao ensino superior a mozos e mozas que non poderían desprazarse fora da provincia.

Tras o encontro coa equipa directiva da universidade, encabeza polo vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, Pontón subliñou o valor engadido que aporta o universidade, que irá a máis co Campus da Auga, ao tempo que reafirmou a aposta do BNG por unha universidade pública, galega e de calidade, “que permitiu que os fillos e as fillas de traballadoras e labregas puidésemos estudar”.

Encontro xunta directiva do campusNeste sentido, a portavoz do Bloque enumerou tres propostas concretas en apoio do ensino superior público. En primeiro lugar, incrementar o orzamento á universidade revisando un plan de financiamento que foi elaborado nun contexto de crise e de recortes, pero que é insuficiente. En concreto, a formación nacionalista pide partir dun mínimo de 500 millóns de euros anuais,  -sen ter en conta os convenios ou recursos indirectos-, o que suporía incrementar os recursos anuais en case 80 millóns de euros no Plan de financiamento do sistema universitario galego.

Un paso previo cara o camiño de acadar niveis de investimento e de recursos para o sistema público universitario equivalente ao 1,5% do PIB, como na media dos países europeos máis avanzados, “e do que aínda estamos moi lonxe”, indicou Pontón.

Reforzar o programa de bolsas

A portavoz do BNG tamén propuxo reforzar o actual sistema de bolsas ao alumnado “para que ningunha persoa deixe de acceder á universidade por falta de recursos”, indicou, ao tempo que reclama a transferencia da xestión das bolsas. E, como terceira proposta, “dar estabilidade ao persoal docente e investigador” suprimindo a taxa de reposición e poñendo en marcha un “plan de captación de talento coas universidades galegas”.

Nesta visita ao Campus de Ourense tamén participou a deputada pola provincia, Noa Presas, e o responsable local do Bloque, Luís Seara, que mantiveron encontros coa dirección académica que encabeza o vicerreitor Virxilio Rodríguez, así como os decanos e as decanas das diferentes escolas e facultades. Tamén mantiveron un encontro cun nutrido grupo de investigadores e investigadoras para coñecer de primeira man as súas demandas, e poder plasmalas en novas iniciativas parlamentarias.