Ana Pontón responsabiliza a Feixóo de permitir a estafa da luz, os carburantes e as peaxes

O BNG defende un cambio na lei para abaratar a factura un 15% cunha tarifa galega, impulsar as renovábeis e loitar contra a pobreza enerxética

Como  é posíbel que producindo Galiza  electricidade a esgalla non teñamos beneficio algún e paguemos unha das facturas da luz máis cara de Europa?  Para mudar a realidade que recolle esta pregunta, o BNG presentou unha proposición de lei para modificar a normativa do sector eléctrico (Lei 24/2013) con tres obxectivos: Acadar unha tarifa propia para abaratar un 15% a factura da luz, loitar contra a pobreza enerxética e impulsar a eficiencia enerxética, as renovábeis e o autoconsumo.

A portavoz nacional, Ana Pontón, interpelou ao presidente da Xunta, a quen reprochou a súa “curiosa maneira de exercer como militante de Galiza”.

“Para o PP é solidario que en Galiza paguemos o gasóleo e  a gasolina máis caras, é xusto que paguemos as peaxes máis altas, pero vetan unha tarifa eléctrica galega que nos permita pagar menos e nos compense  por ser excedentarios na produción de electricidade”, recalcou. “O que vostedes defenden chámase espolio, primar os intereses do oligopolio eléctrico que fai e desfai ao seu antollo grazas ás portas xiratorias e que termina financiando en B ao PP”, denunciou Pontón.

En defensa do primeiro obxectivo, -a tarifa eléctrica galega-, Pontón sinalou que só se precisa vontade política, como á que lle permite a Euskadi ter unha tarifa diferenciada que tamén teñen Reino Unido, Alemaña ou Suíza.

“Por contra, Feixóo veta a tarifa eléctrica galega,  -que sería de puro sentido común para beneficiarnos dos nosos recursos- e, para colmo,  imos ter unha tarifa eléctrica a inversa porque imos pagar 70M€ máis porque o PP decidiu repercutir no consumidor o imposto ás eléctricas por contaminación. É dicir, as eléctricas contaminan e nos pagamos máis cara a factura da luz pese a ser produtores netos de enerxía. Un disparate”.

Para concretar esa tarifa, o BNG propón que o prezo recolla unha bonificación do 30% nas peaxes naquelas comunidades que exportasen máis dun 25% da enerxía nos últimos catro anos. No caso de Galiza, suporía un aforro do 15%, 500M€ anuais para as empresas e familias, 200€ ano na factura doméstica. “É unha decisión política porque falamos de tocar a parte da factura que depende directamente do Goberno do Estado: as peaxes”, subliñou Pontón.

Unhas peaxes que inclúen o transporte, os custes enerxéticos as illas, axudas aos carbón que Galiza non recibe, axudas aos ciclos combinados do gas dos que nada se sabe, “pero nin un euro de compensación por ser produtores netos de electricidade” pese a soportar o custe ambiental dunhas empresas que, ademais de espoliar os recursos naturais do país, cotizan fora.

Aberración legal

A proposición de lei do Bloque tamén propón acabar “coa aberración” legal que permite subir a factura da luz indultando ás eléctricas de pagar o imposto autonómico de contaminación, “a Xunta errou ao non recorrer o decreto estatal e agora pagaremos 70M€ máis”.

O segundo obxectivo da iniciativa nacionalista é impulsar as enerxías renovábeis e o autoconsumo, finiquitando o denominado “imposto ao sol” e apostando pola modalidade de “balance cero”, que permite ao usuario compensar as horas de non produción coa enerxía producida e non consumida. Igualmente, modificar o sistema de poxas de interrompabilidade, “que ten en vilo centos de empregos por exemplo na planta coruñesa de Alcoa”, por unha tarifa industrial estable.

Por último, en relación á pobreza enerxética, o BNG propón que non se poda cortar a luz por impago aos consumidores acollidos a prezos voluntarios para o pequeno consumidor, tarifas último recurso por falta de pago no caso de que os ingresos da unidade familiar non superen o SMI ou teñan aos seus membros en paro. “En definitiva, camiñar cara un  modelo enerxético no que a electricidade sexa considerada un ben público e non o negocio duns poucos”, concluíu Pontón. 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG