Ana Pontón responsabiliza a Feixóo da situación política de Ourense por avalar o pacto que levou a Jácome á Alcaldía

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide á dereita, -PP e DO-, que se aparte para favorecer unha alternativa que poña en marcha un proxecto de futuro para a terceira cidade do país

Avisa que o BNG non vai participar en “ningunha cerimonia da confusión” e pide que se explique o contido dun acordo que ten Ourense paralizado

A portavoz nacional, Ana Pontón, responsabiliza directamente ao presidente do PP de Galiza da situación política que vive a cidade de Ourense pois foi Feixóo quen avalou un acordo de investidura, -cuxas cláusulas se descoñecen-, que permitiu a Gonzalo Pérez Jácome asumir a Alcaldía da terceira cidade do país “que hoxe vive unha situación extremadamente delicada”.

“Feixóo ten que explicar cal foi o pacto ao que chegou co actual alcalde de Ourense e que ten conducido a terceira cidade de Galiza á situación tan delicada que vive hoxe”, salientou a preguntas dos medios tras a sesión de apertura da XI Lexislatura do Parlamento.

“Avalou un pacto de goberno do que non coñecemos as cláusulas e ten que asumir a súa responsabilidade”, denunciou, tras deixar claro que o BNG “non vai participar nunha nova cerimonia da confusión porque Ourense o que necesita é un proxecto claro de futuro e son evidentes as consecuencias para a cidade das decisións adoptadas pola dereita”. Por contra, avanzou, “o Bloque vai traballar para darlle a Ourense unha alternativa que lle permita á cidade mirar con sosego ás súas institucións”.

En opinión da líder nacionalista, tanto o PP como DO “deberían apartarse despois do espectáculo que están dando ao longo destes últimos tempos e do que é responsable directo o presidente da Xunta que avalou un pacto sabendo con quen estaba pactando. O que descoñecemos é cales son as cláusulas dese acordo”, reiterou. “A dereita, despois do que fixo en Ourense tras ese pacto avalado por Feixóo que colocou a Jácome na Alcaldía, debería apartarse e permitir unha alternativa que lle dea futuro a cidade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG