Ana Pontón remarca en Ourense a necesidade de devolver a cidade aos veciños e veciñas

Ana Pontón e Luís Seara
Ana Pontón e Luís Seara

Reafirma o compromiso do BNG con Ourense  e culpabiliza ao PP e a Feixóo de permitir “un goberno letal para a cidade”

Asegura que a  ambición e ansia de poder do PP e de Feixóo condenan a   Ourense a ir cara atrás

No transcurso dun almorzo informativo, acompañada do portavoz municipal, Luís Seara, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón   remarcou a necesidade de “devolver Ourense aos veciños e veciñas” e apelou  “á sensatez política fronte á crispación”.

Tras presentar os novos órganos do BNG, renovados na XVII Asemblea, a portavoz nacionalista  lembrou que Ourense ocupa un lugar relevante para a análise política e a consolidación da nova estrutura do BNG no que seguirá a fronte Luís Seara para poñer “a sensatez política fronte á crispación priorizando o diálogo e compromiso” con Ourense.

O BNG, dixo, ten un reto, “colocar aos veciños e veciñas por diante” para devolverlle Ourense á cidadanía e o orgullo de ser desta cidade porque dende a política, explicou, hai solucións para os seus problemas. “Ourense non é de ningún partido político”. É dos veciños e veciñas” aseverou.

A terceira cidade galega non pode continuar paralizada por un goberno letal

Para a líder do BNG  “o Partido popular e Feixóo son o principal problema nesta cidade pola súa ambición e ansia de poder” que a condena, non só  á parálise senón a ir cara atrás. Dende o BNG, non imos permitir que a terceira cidade de Galiza, o motor de toda a provincial permaneza parado e neste  momento, hai que pensar “Ourense en grande” para darlle unha alternativa á cidadanía.

Para o BNG, reiterou, “urxe poñer punto final a crispación no concello e abordar o debate das propostas e solucións de futuro”. Despois de seis anos,  explicou a nacionalista, Ourense está “en sombra” e desta situación non só é responsable Democracia Ourensá, “o Partido popular e Feixóo, coa súa ambición, preferiu poñer en marcha un goberno letal para a cidade”.

A situación de Ourense responde a esta situación política pero o que realmente importa ao BNG, recalcou, son as alternativas cara o futuro e neste ámbito traballaremos “para sacar a Ourense adiante”.

Ourense, dixo a portavoz do BNG precisa de alternativas económicas, de proxectos e que a cidade aposte por un potencial ao servizo do desenvolvemento económico. Hai que potenciar a zona histórica, o termalismo, os ríos, o medio ambiente e apostar polas infraestruturas da cidade con medidas para o ferrocarril. A cultura e o comercio son elementos de cohesión social e as administracións deben implicarse, sentenciou.

Dende o BNG coñecemos as dificultades pero sempre poremos por diante os intereses da cidadanía. Traballaremos “en positivo por Ourense” para que dende agora até o 2023 academos ese cambio que devolva a esperanza á cidadanía de Ourense. Para erguer ese proxecto, subliñou, “traballaremos man a man con todos os sectores”.

“Urxe sacar a Ourense do pozo negro no que está polas políticas de dereitas”, e a terceira cidade de Galiza non pode seguir “á deriva”, reiterou a líder do BNG.

Democracia Ourensá secuestrou o concello co apoio do Partido popular

Pola súa parte, o portavoz municipal, Luís Seara, tras lembrar que o BNG concluíu o proceso de renovación a nivel local e comarcal incidiu, ao igual que fixera a portavoz nacional, na necesidade de “poñer fin a longa noite de pedra á que Democracia Ourensá converteu Ourense”.

Hoxe, dixo, comeza a conta atrás e queremos transmitir á veciñanza que cada día é un menos para rematar “cun goberno que ten data de caducidade”. Queremos rematar co pesimismo e a resignación e revertela na alternativa que Ourense necesita. Neste sentido, anunciou novas propostas e interlocución social baixo o lema “Máis Ourense” presentaremos a nosa folla de ruta para os vindeiros meses porque queremos un “Ourense en positivo e referencia en Galiza”.

 A terceira cidade galega debe recuperar a normalidade institucional e a autoestima de seren de Ourense e deixar atrás “as ameazas e faltas de respecto constante”. Ourense debe liderar o impulso económico da provincia.

“O concello está secuestrado” e dende o BNG, dixo Seara, queremos devolvelo aos seus veciños e veciñas. Precisamos recuperar Ourense e para iso é preciso recuperar poboación no casco histórico de onde foi expulsada. Queremos rehabilitar vivendas, e unha mellora integral dos locais da zona histórica, novos equipamentos e un centro de saúde.

Luís Seara lembrou que o termalismo é un motor económico que debe ser recuperado como un proxecto transversal entre as concellerías e cun plan de competitividade turística.  “A recuperación dos ríos e medio ambiente serán prioridades para o BNG” nos vindeiros meses ao que sumou o incremento de zonas verdes, espazos públicos e mellora de servizos para todos os veciños e veciñas  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG