Ana Pontón: “Reivindicamos á Rosalía feminista, inconformista e rebelde que rompeu moldes e segue a ser un referente”

Homenaxe a Rosalía de Castro
Homenaxe a Rosalía de Castro
BNG propón un instituto que divulgue a súa figura e a súa obra e contribúa a promover a lingua. Demanda declarar o 24F Día de Rosalía

BNG rendeu homenaxe a Rosalía de Castro cunha ofrenda floral no monumento conmemorativo que a escritora e feminista ten na Alameda compostelá, en vésperas do aniversario do seu nacemento, unha figura que a portavoz nacional, Ana Pontón, definiu como “pioneira” e que segue a estar de plena vixencia.

“Foi pioneira na defensa da nosa lingua, pioneira na defensa dos dereitos nacionais e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e por iso reivindicamos a esa Rosalía feminista, inconformista, rebelde que rompeu moldes e que hoxe sigue sendo un referente”, salientou a líder nacionalista.

Pontón indicou que Rosalía “é tamén a nosa figura máis internacional”, de aí a importancia de que se divulgue sobre todo entre a xente moza, “porque na súa obra, non seu contido e na súa vida temos exemplos en plena vixencia de cara a un camiño que temos que transitar como é o amor a nosa lingua, a difusión e posta en valor da nosa cultura, en definitiva, cara o orgullo de sermos galegas e galegos”.

No seu recoñecemento, o BNG vai levar ao Parlamento que se declara o 24 de febreiro Día de Rosalía, con inclusión no calendario escolar, e a creación do Instituto Rosalía de Castro, para a promoción e a defensa da súa figura e da súa obra e da lingua e da cultura galega coa vista posta na súa difusión e internacionalización. “A súa pegada segue presente a día de hoxe e segue a ser un referente imprescindible”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG