Ana Ponton reivindica a pegada do BNG en Vigo e amósase convencida de que volverá ao concello tras o 26M

Vigo
Vigo

“A entrada do BNG suporá unha aposta por deixar atrás a confrontación estéril que da pelexa de egos Caballero-Feixóo que está pagando a cidade”

Pérez Igrexas compromete “un Vigo de iguais e inclusivo para as persoas con diversidade funcional”

A portavoz nacional, Ana Pontón, amosouse convencida de que o BNG volverá con forza ao Concello de Vigo tras o 26 de maio aportando de novo a capacidade do proxecto nacionalista para construír unha cidade en positivo lonxe da confrontación estéril que protagonizan o actual rexedor e o presidente da Xunta que pagan moi caro a veciñanza da primeira cidade do país.

Tras un encontro con colectivos sociais co candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, Pontón aproveitou a visita ao barrio de Navia para reivindicar a “importante pegada” do Bloque na construción de Vigo.

“Moitos dos mellores proxecto desta cidade levan a pegada nacionalista, como a recuperación e rehabilitación do casco vello, a reurbanización e peatonalización do Calvario ou o desenvolvemento do barrio de Navia, o máis novo da cidade maioritariamente de vivenda de promoción pública posibilitando o acceso a unha vivenda digna a moitos traballadores e traballadoras”, explicou, lembrando que colocar o urbanismo “ao servizo das persoas” é un dos principais sinais de identidade do modelo municipal do Bloque.

Na súa visita ao barrio, Pontón fixo referencia ás demandas veciñais de servizos públicos e equipamentos educativos, sociais, sanitarios, “que o BNG defenderá tanto desde o concello como desde outras administracións” e puxo esta carencia de servizos e equipamentos nun barrio que suma máis de 10.000 habitante e 4.000 familias á confrontación entre o goberno local e a Xunta.

“En Navia sofren a dinámica de confrontación institucional na que están instalados Feixóo e Caballero, que podemos cualificar como unha pelexa de egos que pagan os veciños e veciñas de Vigo, aos que se lles priva dos recursos que necesitan. A entrada do BNG suporía unha aposta moi clara polo diálogo, por deixar atrás a confrontación, porque queremos un Vigo que se constrúa tendendo pontes, libre de confrontacións estériles”, comprometeu a dirixente nacionalista.

A volta do BNG á corporación servirá “para construír un Vigo en positivo, máis xusto e solidario que dea un paso adiante nun novo modelo de urbanismo, porque é  unha gran cidade, pero tamén é evidente que a moitos veciños e veciñas lles gustaría vivir nunha urbe menos ruidosa, con máis espazos peonís, con máis calidade de vida, e máis e mellores servizos públicos. Esa é a aposta do Bloque.

Barrio a barrio, porta a porta

De feito, Pontón contrapuxo o modelo municipal do BNG coas propostas “importadas” ou “fracasadas” das franquías. “En Galiza hai dous modelos municipais, o que ofrece o BNG e o das outras forzas políticas que actúan como franquías que, ou ben imitan o que pasa noutros lugares alleos á realidade das vilas e cidades do país, ou ben impoñen políticas fracasadas”, salientou.

“O BNG ten un modelo propio que funciona, que confía na capacidade e no potencial do país, pensado desde a realidade dos nosos concellos e que ten como sinais de identidade un urbanismo sostible, poñer ás persoas no seu centro de actuación política, cidades con servizos públicos, feministas, sostibles. Este modelo é o que ofrecemos en Vigo convencida como estou de que imos entrar con forza na corporación municipal, porque temos un gran candidato e un gran proxecto alternativo de cidade que estamos dando a coñecer barrio a barrio, porta a porta, persoa a persoa”.

Consello Local de Accesibilidade

Pérez Igrexas trasladou o compromiso do BNG para “poñer fin ao abandono do barrio de Navia”, exemplo de políticas públicas de vivenda da formación nacionalista, “pero que ten falta dotación de servizos e equipamentos, cun goberno local que non nin é capaz de atender as cuestións que son da súa competencia”.

Igualmente, criticou o “contumaz abandono” da Xunta que se nega a novos equipamentos educativos”, ao tempo que se comprometeu a promover un gran centro social e cultural que aporte dinamismo ao barrio,  “o que non necesita Navia son casas de apostas”, subliñou.

Tras o encontro con COGAMI, o candidato trasladou o seu compromiso con traballar para construír un Vigo “de iguais e inclusivo, que atenda e poña en valor a diversidade funcional”. Anunciou que desde o concello vai reclamar a posta en marcha  do Consello Local de Accesibilidade, “que leva varios anos sen convocar” e non pode ser “ornamental”. Por contra, hai que convertelo nun espazo de “co decisión”, que teña como primeiro asunto a elaboración dun plan de accesibilidade.

Defende tamén medidas para promover a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional, tanto na contratación directa como nas concesión municipais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG