Ana Pontón: “Sen recursos non se pode atender á dependencia e o Estado debe a Galiza 186 millóns de euros”

Ana Pontón
Ana Pontón

Reclama o pago da débeda do Estado a Galiza  e avanza unha batería de iniciativas no Parlamento galego para defender ante o Estado    

Ana Pontón: “Sen recursos non se pode atender á dependencia e o Estado debe a Galiza 186 millóns de euros”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denunciou que “sen recursos non se pode atender á dependencia polo que reclamou a débeda  186 M€ que o Estado ten contraída con Galiza”. Sobre esta cuestión  anunciou que o BNG presentará unha batería de medidas para  reclamar o pago da débeda, acadar un financiamento xusto e un investimento contra o limbo no que se atopan 30.000 persoas dependentes que precisan axuda á domicilio, 14.000 transporte adaptado e 12.000 un centro de día.

Por outra parte, tamén esixe que o Estado asuma o 50% dos gastos da Lei de dependencia, reverter os recortes do decreto de 2012, tamén  os copagos e incluír na Seguridade Social ás persoas coidadoras familiares, “na súa maior parte mulleres”.

A portavoz nacionalista urxiu do Goberno galego  poñer en marcha un plan de construción de residencias públicas e centros de día, e  incrementar o persoal para que as axudas podan ser tramitadas en seis meses, “como establece a lei”.

Pontón explicou que Galiza conta cunha poboación moi envellecida e segundo o IGE o número de dependentes “medrou un 25% en 6 anos,  superando xa  ás 118.000 persoas”.

BALANZO NEGATIVO DO GOBERNO  EN DEPENDENCIA  

“Feixóo di que o seu goberno funciona ben pero miles de persoas dependentes non teñen ningún tipo de axuda da Xunta,” afirmou Pontón que fixo fincapé en que 10.000 dependentes con dereito a prestación non a están a cobrar ao que sumou  “o 50% das persoas dependentes que precisan axuda a domicilio non a reciban e 12.000 persoas seguen a espera para obter unha praza nun centro de día”.

Galiza ten unha poboación moi envellecida, reiterou a portavoz do BNG,  “unha de cada  catro  persoas ten máis de 65 anos. Pero pese ese a este dato,   a porcentaxe de solicitudes da axudas vinculadas á Lei de Dependencia está por debaixo da media. É dicir, temos unha porcentaxe moi baixa de persoas beneficiarias”, un 2,07 fronte o 2,61 do Estado.

FEIXÓO MANTÉN UNHA LEI DE DEPENDENCIA “DE SEGUNDA”

Para Pontón, Feixóo aplica unha lei da dependencia “de segunda” cun investimento público por dependente de 5.779 euros en Galiza por persoa cando no Estado a media é de 6.664, é dicir, “885 euros menos”. Pero tamén é de segunda, engadiu  por que as novas atencións ofrecidas aos usuarios galegos centráronse en servizos de baixo custo  tales como Axuda a Domicilio ou  Teleasistencia mentres que en  servizos de maior custo como a Atención Residencial, “nin sequera logrou manter a taxa de reposición do ano anterior, pechando o exercicio con 78 prazas residenciais menos”.

“O goberno de Feixóo ten que poñer as pilas e converter á atención á dependencia nunha prioridade política”, e reiterou  que o BNG reclamará dende o Parlamento medidas para un financiamento xusto nesta materia porque “o Estado destinou á dependencia en Galiza 84 millóns de euros, cifra moi alonxada  dos  186 millóns que lle debe a Galiza e moi lonxe tamén  da cifra de 140 millóns de euros que recada vía impostos, - SS, IRPF, IVE-, do sistema de dependencia no noso  país”, como recollen  os datos  da Asociación de directoras e xerentes de servizos sociais, concluíu.