Ana Pontón reclama desde As Pontes que cese o “pim-pam-pum” inútil con Galiza e se aporten solucións

Reunión As Pontes
Reunión As Pontes

Rego compromete o apoio do BNG tamén desde o Congreso, convencido de que tras o 10N Galiza recuperará voz propia en Madrid

Tres propostas: non autorizar o peche, mesa de negociación cos axentes implicados e plan plurianual para as comarcas afectadas pola transición enerxética

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, mantiveron un encontro co comité de crise creado tras o anuncio de peche da central térmica das Pontes, que aproveitaron para trasladar o empeño político do BNG en evitar ese peche, ademais de transmitir todo o apoio á mobilización social.

“Queremos trasladar unha mensaxe moi clara a todos os traballadores e traballadoras, incluídos transportistas e empresas auxiliares: o BNG non vai permitir que unha empresa como ENDESA, que obtivo beneficios millonarios pola explotación dos nosos recursos naturais, peche sen deixar unha alternativa de futuro a este concello e a esta comarca”, salientou Pontón.

A líder nacionalista indicou que o Bloque “comparte a preocupación das persoas que ven como se está xogando co seu futuro e tamén co futuro de toda unha comarca, por iso imos ser moi esixentes á hora de que as administracións implicadas dean unha resposta real. Porque de nada vale estar na queixa permanente, nun pim-pam-pum absolutamente inútil para Galiza senón se poñen solucións sobre a mesa”.

Solucións que, explicou, pasan por actuar nunha triplo dirección.

“En primeiro lugar, que o Goberno do Estado non autorice o peche acelerado que solicita ENDESA,  pasa tamén pola constitución dunha mesa de traballo como a que propón o BNG e, finalmente, por poñer recursos para levar adiante un proceso de industrialización igual que o que se está facendo noutros países como é o caso de Alemaña, cun plan plurianual para as comarcas afectadas pola transición enerxética”.

En relación a esa mesa de traballo, a portavoz nacional explicou cal ten que ser a súa composición para conseguir unha transición enerxética que, se ben inevitable, debe ser xusta. “Unha mesa na que se sumen as administracións implicadas, a propia empresa e unha representación da parte social deste concello”, subliñou Pontón, tras criticar o papel xogado até agora tanto por Monte Pío como por Moncloa.

“Se estamos neste punto é porque houbo un Goberno central e unha Xunta que estiveron mirando para outro lado e non fixeron os deberes. É o momento de que nos plantemos como sociedade e digamos alto e claro que Galiza necesita un trato xusto, que pasa por esixirlle a ENDESA un compromiso con este país e implicación nas alternativas de futuro”.

Pola súa parte, Nestor Rego reiterou todo o apoio do BNG para evitar o peche da central, “porque é preciso a transición enerxética pero debe ser xusta, en particular cando se trata dunha empresa que pretende deixar tirada unha comarca despois de ter feito enormes beneficios”.

Encontro cunha representación de transportistas

Neste sentido, o candidato pola Coruña avanzou “a disposición total ao proceso de mobilización para que esa presión ás Administracións, en particular ao Goberno central, aporte alternativas. Despois do 10N, que estamos convencidos o BNG obterá representación no Congreso, o noso compromiso de que desde esa posición teremos como elemento fundamental dar unha solución a esta crise e facer valer os intereses do país coa forza que teñamos no Congreso”, salientou Rego.

Tras a reunión co comité de crise, Pontón e Rego, acompañados dos responsables municipais do BNG nas Pontes, Silvia Pardo e Quico Dasilva, mantiveron un encontro cunha respresentación dos transportistas de carbón para a central de ENDESA, pechados simbolicamente na casa do concello despois de levara seis meses afectados polo parón da central.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG