Ana Pontón reclama manter ou incrementar o profesorado e reverter os recortes do PP na educación

CEIP Fogar inicio curso escolar
CEIP Fogar inicio curso escolar

No inicio do curso escolar, anuncia  iniciativas parlamentarias para mellorar a calidade do ensino e  un plan de servizo de comedor nos centros para favorecer  a conciliación

Pide reducir as ratios en primaria e secundaria e explicacións ao Goberno polos  recortes de profesorado en Galiza fronte o mantemento ou incremento noutras CC.AA como: Navarra, Cataluña, Valencia ou Euskadi

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón visitou hoxe o Ceip “Fogar” de Carballo para valorar o inicio do curso escolar.  Acompañada polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a concelleira de Educación, Mar Eirís e o deputado no Parlamento galego, Daniel Pérez, a portavoz nacionalista compartiu algunhas das principais prioridades do  co goberno municipal, entre as que destacou: a  defensa do  ensino e sanidade pública e a cultura.

Tras a visita ao Ceip “Fogar”, a portavoz do BNG anunciou que a forza nacionalista defenderá no Parlamento galego, unha batería de iniciativas co fin de reforzar o ensino con máis recursos, “despois de 12 de recortes do Goberno do Partido popular”.

Seguimos en pandemia, explicou Pontón e resulta  “inadmisíbel” que este inicio de curso empece cun recorte de máis de 1.000 profesores e profesoras.  Para Pontón, o recorte de profesorado responde a “unha posición ideolóxica” e o Goberno do PP de Feixóo debe explicar porque en Galiza se recorta profesorado mentres noutras comunidades como: Baleares, Valencia, Cantabria, Cataluña, Euskadi, Navarra, ou a Rioxa,  van mantelo ou ben, incrementalo.

Tras recoñecer o grande esforzo e dedicación do profesorado, nun contexto COVID, afirmou que a educación pública é “o investimento máis importante que podemos facer como sociedade” e reiterou que o BNG reclamará no Parlamento unha “estratexia” para mellorar a calidade do ensino en Galiza e como mínimo, que se manteña o profesorado do curso pasado.  Trazaremos como obxectivo da lexislatura, “a redución das ratios en primaria e secundaria en 20 e 25 alumnos, respectivamente.”

Ademais,  o BNG urxirá ao goberno a favorecer a conciliación co servizo de comedor,  en todos  centros educativos  e xestionados pola Xunta.

A nacionalista reiterou que a pandemia evidenciou as carencias do ensino e explicou que Galiza precisa unha educación pública de calidade “un ascensor social” con idénticas oportunidades á marxe da procedencia económica do alumnado.  Os  países que máis invisten en educación son os que contan con máis benestar e progreso e Galiza debe xogar “na liga do coñecemento”, recalcou.

Seguranza viaria  en Carballo

Ana Pontón salientou que unha das preocupacións nas que está a traballar o grupo municipal é a referida á mobilidade no entorno da zona escolar de Carballo así como na  seguridade dos nenos e nenas no acceso ao colexio. A falta dunha circunvalación provoca unha grande densidade de tráfico e dende o BNG, dixo a nacionalista,  solicitaremos no Parlamento que se “axilice a tramitación da circunvalación”. Porque no ano 2009, lembrou,   xa existía un proxecto que o Partido popular meteu “nun caixón” deixándoo caducar e agora debe ser reiniciado o proceso polo que  pediremos “o máximo rigor pero tamén, a máxima celeridade” para garantir a seguranza viaria de todos os carballeses e carballesas.

Mobilización sanidade pública CarballoDefensa da sanidade pública

Na súa visita a Carballo, a portavoz nacionalista participou na concentración  de apoio ás demandas dos traballadores e traballadoras do SERGAS e as denuncias pola  falta de medios na Atención Primaria. No PAC de Carballo, Pontón lembrou que nesta localidade as listas de agarda superan os vinte días para unha consulta ao médico ou médica de cabeceira. Nesta liña, pediu á Xunta que  “rectifique” e poña en marcha un “plan con 200 millóns de euros máis para reforzar a Atención Primaria e recuperar a presencialidade” porque a atención sanitaria, dixo “é un dereito que temos que preservar”.

Finalmente, Pontón parabenizou ao grupo municipal de Carballo pola súa aposta pola cultura, “sobre todo nun momento de pandemia” coa celebración do Festival  “Carballo Interplay” de Novas Narrativas Audiovisuais,  pioneiro no Estado español no ámbito audiovisual e de redes sociais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG