Ana Pontón reclama celeridade no pago de indemnizacións polos ataques de animais salvaxes ao gando

Ana Pontón na XXX Festa do Poldro
Ana Pontón na XXX Festa do Poldro

Nun acto celebrado na XXX Edición da Feira do Poldro en Muras, a  nacionalista pide  incrementar as contías das indemnizacións ao 100%  e valorar “xustamente” e con “rapidez” os danos ocasionados polos ataques de animais salvaxes ao gando

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  asistiu hoxe  á XXX EDICIÓN DA FEIRA DO POLDRO celebrada en  Muras onde  participou de diversas actividades organizadas por este concello.

Na carpa do recinto feiral, a portavoz do BNG participou no acto de homenaxe  a   José López Soto, ex alcalde de Muras e promotor no seu día da 1ª Edición da Feira  que este ano cumpre a súa XXX edición.

Na súa intervención, a nacionalista transmitiu á conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, presente na homenaxe, a necesidade de acelerar o pago das indemnizacións polas danos producidos ao gando por  animais salvaxes e lembrou que na actualidade un gandeiro ou gandeira cobra entre “150 ou 200€” por un tenreiro atacado por un lobo cando en realidade ese animal nun ano “alcanzaría un valor entre 1.000 e 1.200 euros” polo que reclamou incrementar a contía ao 100% do valor real e unha “avaliación xusta dos danos”.

Ana Pontón na XXX Festa do PoldroPor outra lado, tamén demandou da administración unha maior aposta polo “prevención” contra os ataques de lobos, voitres e xabarís, ofrecendo medios e recursos aos gandeiros para impedir os ataques.

Pontón aseguro  que o lobo ten dereito a vivir pero “non á costa dos gandeiros”. A solución dixo,  debe vir da man da administración polo que volveu reclamar   “celeridade no pago de indemnizacións, que alcancen  o 100% do valor dos danos e aumentar a partida destinada a paliar os efectos dos ataques”. As indemnizacións son abonadas, no mellor dos casos,  ao ano e medio ou dous anos do ataque  e os gandeiros non poden asumir as perdas. Ademais, a valoración de danos non se corresponde coas razas nin o estado real dos animais afectados, a valoración das feridas producidas polos ataques do lobo deben facerse polo tanto  “con rapidez” porque de non ser así, “a explotación sofre un grave prexuízo no seu conxunto que pode mesmo facela inviable”.

Pontón salientou que as axudas a razas puras como o cabalo pura raza galega ou vacas cachenas son superiores as razas cruzadas sendo estas o 90% das existentes no concello de Muras polo que pediu unha “xusta valoración para estas razas” e que os gandeiros non sexan discriminados a hora de avaliar o valor real do animal.

UNHA TARIFA ELECTRICA GALEGA

A portavoz do BNG tras parabenizar ao concello de Muras por poñer en marcha unha “iniciativa pioneira” no Estado español que  supón unha  bonificación  no recibo da luz dos veciños e veciñas deste concello. Pontón   lembrou   que o BNG defendeu no Parlamento galego diversas iniciativas destinada a implantar unha “tarifa eléctrica galega” que beneficiaría ás familias e empresas galegas e que o PP votou sistematicamente en contra.

A pesar da negativa do Goberno galego a impulsar unha tarifa eléctrica propia, dende o BNG recalcou, seguiremos presentando iniciativas nesta liña para que as familias e  empresas galegas se beneficien dun aforro dun 30% no pago do recibo do  subministro eléctrico. “Non é lóxico que un país excedentario de produción eléctrica  non se beneficie desta circunstancia e paguemos a luz como si viviramos en Madrid que non produce nada”.

Ana Pontón, acompañada polo alcalde nacionalista, Manuel Requeixo,  a deputada Olalla Rodil, a responsable comarcal do BNG, Ana Hermida e membros da corporación municipal mantivo un encontro con  gandeiros e gandeiras con gando  afectado polos  ataques de animais salvaxes  e asistiu á presentación e degustación  da hamburguesa “Gañidoira”, elaborada exclusivamente con carne de poldro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG