Galegas 2016

Ana Pontón: “PSOE e Podemos resucitan a Rajoy par continuar coa súa política antisocial e antigalega”

ana-carballo
Visita de Ana Pontón ao Fórum de Carballo (centro de formación)
  • “Hai que darlle as grazas a Sánchez e a Iglesias porque decidiron que a súa liorta polo reparto de tronos era máis importante que pasar a páxina do PP”, denunciou
  • O 25S as persoas decepcionas co espectáculo das forzas estatais teñen no BNG a alternativa que confía no país, salienta

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, criticou que as autodenominadas forzas progresistas estatais teñan levado a Rajoy ata as portas da Moncloa poñéndolle en bandexa de prata a posibilidade de volver ser presidente do Goberno do Estado outros catro anos para seguir aplicando a mesma política antisocial e antigalega.

“Supoño que esta tarde (na sesión de investidura) Rajoy vai darlle as grazas non a Rivera, senón a Pablo Sánchez e a Pedro Iglesias”, sinalou ironizando sobre o intercambiables que son os líderes das novas e das vellas forzas estatais que se declaran de cambio, “as grazas pola segunda oportunidade que lle deron, porque PSOE e Podemos preferiron levar adiante a súa particular guerra de tronos cando xa tiñan derrotado ao PP en lugar de dar unha alternativa á política de dereita que estivo gobernando estes últimos anos”.

“Supoño que esta tarde (na sesión de investidura) Rajoy vai darlle as grazas non a Rivera, senón a Pablo Sánchez e a Pedro Iglesias”

A candidata nacionalista fixo un chamamento aos galegos e as galegas desencantadas e frustradas polo espectáculo da política madrileña de cara a cita nas urnas.

“Dicirlles a todas esas persoas cansadas de ver o triste espectáculo que dan as forzas políticas estatais que o 25S teñen a oportunidade de facer algo diferente en Galiza apostando polo BNG”, salientou, asegurando que “do que dependa do Bloque nunca vai goberna a dereita, porque nunca imos priorizar os intereses particulares sobre o interese xeral”.

Pontón comprometeuse a utilizar o apoio dos galegos e das galegas nas vindeiras eleccións “para abrir un tempo novo, de confianza no país, de creación de emprego e de aposta polos servizo públicos, e de pasar páxina de sete anos de Feijóo que causaron tanto sufrimento a tantas persoas”, concluíu durante a súa visita a Carballo onde mantivo encontros co sector empresarial e coñeceu as liñas de promoción de emprego do Goberno local que lidera Evencio Ferreiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG