Ana Pontón propón subir os impostos ás eléctricas e ás grandes fortunas nos orzamentos de 2023 para recadar 180 millóns de €

Ana Pontón
Ana Pontón

Contrapón a proposta “valente e xusta” do BNG ao “pelotazo fiscal” do PP, que regala 34 millóns de € ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza

A alternativa orzamentaria do Bloque mobiliza 1.764 M€ para axudar a quen máis o precisa, reforzar os servizos públicos e apoiar ao sector produtivo

A  portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a alternativa do BNG aos orzamentos “insolventes e insolidarios” do Goberno do PP para 2023, alternativa que inclúe unha proposta fiscal  “valente e xusta” que pasa por subirlle os impostos ás eléctricas e ás grandes fortunas para recadar 180 millóns de euros en plena crise de prezos.

A líder do Bloque contrapuxo esta política impositiva a favor da maioría co pelotazo fiscal co que o Partido Popular regala 34 M€ ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza ou co empeño dos populares por non tocar os beneficios do lobby eléctrico.

“Queremos darlle a volta a estes orzamentos insolidarios e antisociais do PP cunha fiscalidade xusta a favor da maioría social.  Como? Facendo que pague máis, que máis ten”, argumentou Pontón, empezando por recoller unha batería de medidas fiscais “para que pague máis impostos ás eléctricas, tendo en conta que se están forrando coa crise, actuando alí onde Galiza ten competencias”.

Medidas que Pontón sintetizou en tres propostas. Primeiro, que as eléctricas paguen o canón eólico en función da potencia  asignada aos parques e non en función do número de muíños, un cambio que aportaría 25 M€ extra ás arcas públicas. Segundo, subir o imposto por dano ambiental provocado polos encoros das eléctricas, o que aportaría 24 M€ máis de ingresos.

“Todas temos en mente exemplos como a contaminación do Eume polo baleirado de Endesa, un río do que abastece de auga a 25.000 persoas”, explicou. E, terceiro, un imposto medioambiental de novo creación sobre as redes de alta tensión, en cifras, un millón de euros de recadación.

A proposta fiscal do BNG no que se refire ás grandes fortunas empeza polo imposto de patrimonio, reducindo a 300.000 euros o mínimo exento descontando o valor catastral da vivenda habitual. Deste xeito, o agasallo de 34 M€ do PP se convertería en 60 M€ adicionais para as arcas públicas. Nesta mesma liña, o Bloque inclúe un novo imposto para as grandes superficies comerciais, 10 M€, e gravar as vivendas baleiras dos grandes tenedores, como fondos voitre e entidades financeiras, que permitiría sumar outros dez millóns de euros.

Finalmente, tamén propón aumentar de cinco a oito os tramos de IRPF para facer máis progresivo o imposto da renda, o que reportaría 30 millóns máis. “Estamos falando dunha política fiscal progresiva, valente e xusta nun momento de crise”, incidiu a líder nacionalista, subliñando que os impostos “deben cumprir unha función redistributiva da riqueza e son os que financian os servizos públicos”.

A segunda parte da alternativa do BNG aos orzamentos do PP consiste en darlle un uso distinto a 1.764 millóns de euros, a través dunha emenda cruzada entre consellerías.  “Reorientamos o gasto atendendo a catro grandes prioridades: axudar a quen máis o precisa nesta crise, reforzar os servizos públicos e as políticas de igualdade; apoiar ao tecido económico para sentar as bases dun novo modelo produtivo e poñer en marcha unha estratexia para afrontar os retos da emerxencia climática”, explicou Pontón.

Bono familiar contra a pobreza infantil 

Entre as medidas de carácter social destacou a recuperación da tarxeta básica (12 M€), a suba do complemento autonómico das pensións non contributivas a 38.000 persoas (40 M€) e unha renda galega de inserción laboral (50 M€), compatible cun salario cando este non garante unhas condicións de vida dignas.

Tamén destina 25 M€ en axudas ás familias con fillos e fillas estudantes  cuxa renda per cápita non supere os 12.000 €,  universalizar os comedores escolares (20 M€), un bono familiar contra a pobreza na infancia e na adolescencia (20 M€), co obxectivo de afrontar unha “durísima realidade social” na que o 30% da poboación infantil e adolescente vive en fogares en risco de exclusión social.

No capítulo social, tamén un tarxeta plan intermodal de 30€ euros mensuais con carácter xenérico, para axudar ás familias a facer fronte aos gastos de transporte e un bono eléctrico para persoas autónomas, tendo en conta o disparado incremento dos custos enerxéticos (2 M€).

Rescatar a Atención Primaria

En materia de servizos públicos, a urxencia pasa por un plan de rescate da Atención Primaria, dotado de 200 millóns para contratar máis profesionais e incorporar máis especialidades; un plan urxente de atención á saúde mental e á prevención do suicidio; un plan de reforzo do profesorado para reducir as ratios, cunha partida de 50 millóns; e a implantación dun novo modelo de residencias de xestión 100% pública que inclúa os sete centros previstos nas cidades galegas, para o que o BNG reserva unha partida de 90 millóns.

Así mesmo, a proposta do Bloque tamén incorpora un plan de 115 millóns contra a violencia machista e unha partida específica de 75 millóns para axudas á vivenda en aluguer, concibido coa atención de facilitar especialmente a emancipación da xente moza e tamén para evitar despexos.

Tecido produtivo, innovación e emerxencia climática

Co obxectivo de apoiar o tecido económico e sentar as bases dun novo modelo produtivo, Pontón defendeu a posta en marcha dun plan galego pola ciencia, cunha dotación de 300 millóns, que permita converter a Galiza nunha potencia neste ámbito, obxectivo para o que tamén se reservan outros 50 millóns, destinados ao fomento da actividade tecnolóxica e industrial, e outros 5 M€, neste caso para a creación do  INNOGAL, como entidade de captación e retención do talento investigador.

A formación nacionalista tamén inclúe na súa alternativa de orzamentos para 2023 axudas ás PEMES por importe de 10 millóns, a mesma cantidade que propón destinar ao desenvolvemento dunha estratexia de bioeconomía, así como unha partida específica de 25 millóns para revitalizar os sectores culturais, dado que a cultura, tamén é economía.

Finalmente, e co obxectivo de afrontar a emerxencia climática, Pontón destacou un plan de impulso dun monte vivo e multifuncional e un programa de recuperación de superficie agraria útil. A isto sumou a implantación do Plan Rías, coa dotación de 70 millóns, para a recuperación integral das rías galegas e un programa de 15 millóns para impulsar un novo modelo enerxético fronte ao cambio climático, medidas ás que o Bloque tamén engade a posta en marcha dun HUB (polo) da biodiversidade. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG