Ana Pontón propón recuperar en 4 anos o investimento público anterior á crise para o sector editorial

ANAPONTON VISITA GALAXIA2
Ana Pontón e Luís Bará visitan Galaxia
  • Crear a Mesa do Libro, cumprir a Lei do libro e da lectura e derogar a normativa antigalega, propostas do BNG para potenciar este sector

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita á sede de Galaxia onde explicou á dirección da editorial as propostas do BNG a favor do sector do libro, clave en calquera sistema cultural e en Galiza, ademais, clave na normalización da lingua, “pero ameazado pola crise económica, polos cambios de modelo coa transformación dixital e pola falta de políticas públicas de promoción da lectura”, indicou.

Nun contexto de caída na edición, publicación, -un 40% menos-, como na traducción de libros en galego, -50% menos-, Pontón reclamou un “compromiso real” da Xunta co sector editorial e coa promoción do libro e da lectura, e formulou as medidas nacionalistas de apoio, que sintetizou en catro puntos.

Cumprimento efectivo da Lei galega do libro e da lectura, poñer en marcha unha Mesa do Libro como órgano de diálogo con todos os axentes implicados neste sector, recuperar nesta lexislatura os orzamentos adicados á promoción do libro e da lectura existentes antes da crise en 2009, que se reducíu máis do 50%, e por último, derogación de toda a normativa antigalega empezando polo Decreto do plurilingüismo, que supuxo unha penalización ao sector editorial pola caída nos libros de texto.

ANAPONTON VISITA GALAXIA1Pontón puxo en valor o papel, pasado e presente da Editorial Galaxia en presenza do presidente e do director xeral, Antón Vidal e Francisco Castro, nunha xuntaza na que tamén participou o deputado por Pontevedra, Luis Bará, e os resposables do BNG en Vigo, Serafín Otero e Manuel Caride.

A dirixente nacionalista subliñou que o sector do libro é cultura, pero é tamén un motor de riqueza e de creación de emprego, ademais de ser un elemento de normalización e de autoestima da nosa lingua e cultura.

“Temos que facer unha aposta estratéxica por este sector para que sexa un elemento de desenvolvemento da cultura e da identidade, do orgullo de ser galegos e galegas, pero tamén un factor de creación de riqueza e emprego”, explicou Pontón, “e senón facemos unha aposta por apuntalar o sector editorial serán outros os que editen os nosos libros. Temos un idioma e unha cultura que precisa dun sector editorial forte para que toda a produción científica, de ensaio e literaria teñan cabida en lingua galega ”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG