Ana Pontón propón que sexa o Parlamento quen defina o novo modelo de financiamento que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos

Ana Pontón
Ana Pontón

“É unha extravagancia política que se fale e se negocie con todo o mundo menos cos galegos e as galegas a través dos seus representantes”, alega

O BNG defende o concerto económico, pero cando menos avanzar en autonomía financeira elevando ao 90% a cesión do IVE e IRPF

Coas propostas nacionalistas Galiza recibiría 4.000 M€ adicionais anuais

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón que sexa o Parlamento o foro no que se debata e se defina cal debe ser o novo modelo de financiamento que precisa Galiza, superando o actual sistema, caduco desde 2014, que lle fai perder ao País arredor de 5.000 millóns de euros anuais, tomando como referencia as cifras do último exercicio liquidado de 2019.

“É unha extravagancia política que para definir o modelo de financiamento que necesita Galiza se poda falar e se poda negociar con todo o mundo, menos cos galegos e coas galegas a través das forzas políticas que os representamos neste Parlamento, que parece que é o punto no que está o presidente da Xunta”, salientou a líder nacionalista. “Moito se fala da renovación do CXPX desde o bipartidismo, que me parece estupendo, pero non se fala nin unha décima parte de cambiar un sistema de financiamento que prexudica a Galiza”, recalcou.

As cifras son claras. A última liquidación de 2019 revela que o Estado recadou 13.212 M€ e retornan polo sistema de financiamento 8.142 M€, o que significa que se aporta a caixa xeral 5.070 M€ máis do que se recibe. “E cando falamos de financiamento, estamos falando dos recursos que temos para sanidade pública, para poñer en marcha un novo modelo de residencias, para crear emprego ou para impulsar medidas a favor da mocidade, é dicir, cuestións absolutamente importantes para a vida das persoas e para o futuro do País”, alegou Pontón, para quen o “foro” para determinar o mellor modelo de financiamento é o Parlamento.

A líder do Bloque subliño que, unha vez máis, nun tema clave o presidente da Xunta practica o “escurantismo”, como xa fixo nos Next Generation. “Este modelo leva caducado desde 2014, pero en sete anos Feixóo non presentou nin un só documento, nin unha soa cifra, nin unha soa liña sobre a alternativa do seu Goberno”, alegou.

A proposta do BNG é clara: un concerto económico como o que ten Euskadi ou Navarra que lle permita a Galiza ter a chave dos seus cartos e fixar as prioridades de investimento, así como a política fiscal que mellor se adapte aos intereses das maiorías sociais. Pero a formación nacionalista tamén é consciente da relación de forzas do Parlamento e de que o xefe do Executivo non vai contradicir a estratexia centralista do seu partido, polo que o BNG tamén pon sobre a mesa unha serie de medidas que permitirían avanzar no autogoberno económico e financeiro.

Entre esas propostas, ampliar a porcentaxe de impostos cedidos até o 90% de IVE e IRPF, o que suporía obter 4.000 M€ adicionais cada ano; igualmente reclamar a cesión do imposto de sociedades e que tributen aquí as empresas que teñen actividade produtiva aquí, citando como exemplos ás eléctricas. O BNG propón avanzar nunha “fiscalidade verde” que permita afrontar o reto da emerxencia climática.

En definitiva, medidas concretas e realistas que permitan a Galiza ter o maior control posible dos seus cartos, medidas que deben formar parte dun novo modelo e que deben negociarse e debaterse no Parlamento. “Os intereses do País deben estar por diante dos intereses do bipartidismo”, concluíu Pontón, destacando que “sen autonomía financeira, non hai autonomía política”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG