Galegas 2016

Ana Pontón propón un plan integral de xestión forestal para poñer en valor o monte galego

Ana Pontón visita a Festa do Polbo de Bueu

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta defende a eliminación do monocultivo de eucalipto para evitar que o monte sexa “un polvorín”

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou como unha das propostas da formación nacionalista de cara ás eleccións galegas un plan integral de xestión forestal que poña en valor o monte galego. “Unha cuestión chave pasa por acabar coa situación actual que sofren os montes, convertidos nun polvorín que pon en perigo as vidas e tamén os bens públicos e privados cada vez que se produce un incendio”, apuntou en declaracións aos medios no transcurso da súa visita á Feira do Polbo de Bueu.

Ana Pontón apelou á necesidade de rachar co modelo de monocultivo do eucalipto e de aproveitar a riqueza dos montes do país, “valorizalos e aproveitar os recursos forestais é unha das principais propostas que leva o BNG no seu programa”. “Trátase, en definitiva, dunha aposta por unha xestión sostíbel e multifuncional do monte”, subliñou.

A candidata nacionalista a ocupar a Presidencia do Goberno galego tamén se referiu a propostas relacionadas coa comarca do Morrazo, para a que reclamou unha mellora da atención sanitaria. “Defendemos a creación dun centro de alta resolución, un modelo de asistencia integral con especialidades que evite o colapso dos hospitais, que forneza unha atención de calidade na comarca e que finalice co desprazamento das persoas doentes”, afirmou.

A respecto da creación de postos de traballo, a tamén portavoz nacional do Bloque avogou pola ampliación do Polígono de Castiñeiras, “unha ampliación prometida e "requeteprometida" que nunca chega”, así como por estabelecer “unha estratexia que permita o asentamento de empresas de I+D+i na comarca”. Isto, á súa vez, expuxo, posibilitará aproveitar o potencial da nosa base produtiva. “Temos que facer da innovación un elemento chave no desenvolvemento dos sectores produtivos do país”, engadiu.

Propostas para Bueu

A candidata nacionalista non esqueceu outras demandas da veciñanza da comarca, como son a ampliación do Museo Massó ou a mellora dos equipamentos deportivos. No caso do Bueu, e facéndose eco das solicitudes do propio Goberno municipal nacionalista, Pontón citou a mellora da seguranza viaria, “existen moitos puntos de competencia da Xunta nas que non hai sequera beirarrúas malia estaren poboadas”, e a construción dunha piscina.

Na súa visita á Festa do Polbo, Pontón puxo Bueu como “exemplo da capacidade que temos no BNG para transformar en positivo e para mellorar a calidade de vida”. “Concellos como Bueu avanzan e son referencia do bo facer dos Gobernos nacionalistas”, salientou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG