Ana Pontón propón no Parlamento un acordo de país para a reconstrución económica e social de Galiza

Este acordo ten que rescatar as persoas que non teñen traballo, a sanidade pública e o benestar social

Pide a Feixóo que mude a prepotencia por diálogo, consenso e a colaboración no Parlamento, cun BNG que ofreceu propostas e medidas desde o inicio da crise

Demanda axudas directas de até 2.000€ para o colectivo de autónomos, 200 millóns de euros adicionais para atención primaria e reformular o actual modelo de residencias

A portavoz nacional, Ana Pontón, centrou a súa comparecencia no Parlamento en explicar as propostas do BNG para a Galiza post-COVID19 e volveu poñer sobre a mesa a urxencia de pactar un gran acordo de país para a reconstrución económica e social que supoña un “rescate das persoas” en tres claves: sanitaria, laboral e de coidados.

“Propoñemos un gran acordo de país que permita rescatar ás persoas desta crise un rescate den termos de saúde, traballo e benestar social. Estas son as prioridades e aí debemos enfocar todos recursos dispoñibles: a garantir un sistema sanitario público que coide a saúde das persoas; a garantir un traballo ou unha renda pública de inserción laboral e non deixar a ninguén atrás e a garantir o dereito das persoas maiores a unha vellez digna”, explicou Pontón.

A líder do BNG avanzou os principios dese acordo de país a consensuar cos partidos políticos pero tamén cos axentes sociais: un sector público potente que actúe como motor de desenvolvemento económico e como distribuidor de renda; impulsar o tecido produtivo, en particular os sectores con máis potencial e fortalezas; aposta estratéxica pola I+D+i, -“porque a Galiza do século XXI non é posible sen ciencia e investigación”-; fortalecer o servizos públicos e enfrontar as consecuencias do cambio climático, “porque non temos futuro senón preservamos o noso entorno e a biodiversidade”.

Para iso, pediu ao xefe do Executivo que deixe atrás a prepotencia que lle leva a “desprezar” ao Parlamento. “Basta de confrontación estéril e de repetir formulas fracasadas e rutineiras, Galiza merece diálogo, consenso, colaboración e nada disto ofreceu ao longo destas semanas durísimas, Galiza non merece nin a súa propaganda nin o seu cinismo político”, replicou Pontón, tras criticar o uso partidista que Feixóo fai da TVG, con 24 roldas de prensa en directo e só dúas comparecencias na sede da soberanía popular.

Pontón atribúe o empeño de Feixóo en “escapar” da Cámara ao seu pésimo balance na xestión da crise no sanitario, no económico e no social.

Camas inexistentes en hospitais de campaña

No primeiro caso, -explicou-, “deixa un sistema público de saúde con menos profesionais e con menos medios, con recortes de 2.000 M€ só en atención primaria, e un sistema con menos camas. Como consecuencia, a atención primaria está no chasis e para cumprir os requisitos sanitarios da desescalada, a Xunta ten que sumar camas inexistentes que habería que montar nun hospital de campaña nun recinto feiral ou nun polideportivo”. O Bloque reclama un plan de reforzo da atención primaria con 200 M€ adicionais, urxente máxime cando se está esixindo a este persoal ser clave na loita contra a pandemia.

No ámbito dos servizos socias, puxo o foco nas residencias da terceira idade, “a cara máis dura, máis terrible, máis dramática do seu fracaso na xestión desta crise”. E botou man dos datos: “hai 20.000 usuari@s dunha residencia pero soportan o 45% das vítimas, que pasou señor Feixóo, para que case a metade das mortes por coronavirus se concentre neste colectivo?”, interpelou .

Mercantilizar o dereito a unha vellez digna

Na franxa entre 70 e 85 anos hai 384.198 persoas, só 20.000 están nunha residencia, pero concentran case a metade de mortes pola pandemia, realidade que a xuízo do BNG non é allea ao feito da case total privatización da atención á terceira idade. “Das 223 residencias só 24 son de xestión pública e á vista están as consecuencias de querer facer negocio co dereito básico a ter unha vellez digna”, denunciou Pontón.

Neste contexto, o Bloque insiste na intervención de todo os centros con foco de contaxio e propón reformular o actual modelo de asistencia ás persoa maiores, clave nun país cunha poboación moi envellecida.

Unha hemorraxia non se para con tiriña

Tampouco no económico presenta Feixóo un bo balance e Pontón foi especialmente crítica coa falta de axudas da Xunta ao colectivo dos 210.000 autónomos como teñen noutros territorios, -“o BNG propón até 2.000 € nun pago único”, recalcou-, a ausencia de medidas concretas para as 225.000 persoas afectadas por un ERTE ou para paliar a caída de ingresos nas familias.

“Limitarse a facer de avalista bancario ou aprazar o pago de taxas que apenas repercuten nas economías particulares é tanto como pretender parar unha hemorraxia con tiriñas”, sentenciou. No ámbito económico, insistiu en reformular os orzamentos de 2020 deseñados para un escenario que xa non existe. “Son 10.000 M€ que deben ser reorientados para que cada euro conte á hora de paliar as consecuencias da crise”.

En relación ao plan de desconfinamento da Xunta, lembrou á oferta do BNG parapactar unha desescalada galega adaptada á realidade do país e advertiu contra a precipitación. “Antes de entrar nunha mobilidade total habería que ter o resultado do estudo de seroprevalencia para ter mellor información, porque sentido ten facer un estudo senón esperan os resultados para tomar decisións? Normalidade canto antes, pero as presas poden facernos retroceder”, indicou, ao tempo que reprochaba a falta de medidas claras.

“Vai garantir o reparto de máscaras de xeito masivo e gratuíto entre a poboación, existe un plan de rastreo do virus con persoal preparado para facer ese seguimento?”, interpelou, “a poboación precisa criterios claros porque senón acertamos pagaremos as consecuencias durante moito tempo”, advertiu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG