parlamento galego

Ana Pontón propón un novo paradigma para sacar a Galiza da crise “porque nun momento excepcional non valen as receitas fracasadas de sempre”

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica o paripé do PP simulando negociar para darlle a tres empresas, “que ninguén votou”, a decisión dos fondos europeos ignorando ao  Parlamento

Propostas: reforzar a sanidade e servizos sociais, pacto pola ciencia como base dunha economía verde, financiamento público e apoio á industria

“Non imos consentir máis recortes, nin que a crise a paguen as e os de sempre”

A portavoz nacional, Ana Pontón, deixou claro que non se pode sacar ao País da crise nin construír a Galiza post-COVID desde o continuísmo e con fórmulas fracasadas, como propón o PP, vetando as propostas do BNG para a recuperación económica e impoñendo un informe autocompracente, cheo de vaguidades e sen solucións aos retos que deixa a pandemia.

Por contra, a líder nacionalista considera que hai que sentar as bases dun novo paradigma.

“Non se trata de volver ao pasado senón de aproveitar este momento para darlle a volta a unha situación que xa era preocupante antes de que o virus chegara ás nosas vidas.  Por iso, para o BNG o obxectivo non é volver ao punto de saída, senón sentar as bases dun novo paradigma para construír un país con futuro, porque Galiza ten capacidade para saír adiante, pero nun momento excepcional non valen as vellas receitas fracasadas de sempre”, alegou.

No debate do informe da Comisión de reactivación económica, social e cultural aprobado en solitario polos populares, Pontón criticou que o PP tivese o final decidido antes de que a comisión botase a andar, limitándose a facer un simulacro de negociación. “A estas alturas resulta moi evidente que o desenlace estaba escrito en base a un guión cutre e repetido polo PP que consiste en facer pasar por negociación o que non é mais que un paripé, unha ficción de negociación co único obxectivo de cubrir o expediente”, denunciou.

Tal é así que, mentres se ignora ao Parlamento, o Goberno de Feixóo deixa en mans de tres grandes empresas a decisión económica máis importante para o futuro de Galiza sobre os fondos europeos de recuperación Next Generation.

“Estamos acostumadas ás portas xiratorias, pero este é un paso máis: un Goberno que deixa as decisións económicas de calado directamente nas mans dun puñado de empresas ás que ninguén votou, mentres fai de menos a esta Cámara e todo o que envía ao Parlamento é un powerpoint de doce folios resumindo a propaganda de Monte Pío”, denunciou.

O BNG amosou vontade de diálogo e mans abertas para chegar a un acordo que impliquen avances para o País, pero o PP vetou todas as propostas nacionalistas para reforzar a sanidade pública, garantir o dereito a unha vellez digna, sentar as bases dun novo modelo económico sustentábel desde a ciencia e a investigación ou as presentadas a favor da igualdade real.

“Non conten co nós nin para novos recortes, nin para que a crise a paguen as maiorías sociais, como pasou en 2009”, advertiu,  tras poñer en valor as medidas presentadas “que non se van polas ramas, senón que formula cuestións concretas e con orzamentos”.

Entre esas prioridades, reforzar a sanidade pública, empezando pola atención primaria para a que propón investir o 25% do orzamento de Sanidade, ante unha situación de tal precariedade que até hai listas de espera para a atención telefónica. No ámbito social, xestión pública directa das sete residencias de maiores cuxa construción está prevista nas cidades, ademais do compromiso de remitir á Cámara una nova Lei de residencias que garanta o dereito a unha vellez digna.

No ámbito económico, o Bloque defende un novo modelo de desenvolvemento verde, sustentable, que teña como pilares a ciencia e a innovación e para iso propón un Pacto Galego pola Ciencia, aumentando os fondos até acadar o equivalente ao 2,5% do PIB galego. E, na mesma liña, a creación do INNOGAL, con 15M€.

Banca pública como Alemaña

Entre as propostas, un Instituto Galego de Crédito como entidade pública cun capital inicial de 10 M€, para garantir liquidez ás pequenas e medianas empresas; ao tecido produtivo e a sectores estratéxicos de futuro.

“Alemaña ten 6 bancos públicos estatais, vinculados aos länder, por que aquí non se pode? Pódolles asegurar que nos costaría moito menos que os 9.000 M€ do rescate de ABANCA para vendela despois a prezo de saldo”, alegou Pontón, que tamén denunciou a “reconversión industrial encuberta” coa complicidade do Goberno de Feixóo,

Hai que financiar alternativas á crise industrial derivada dos costes enerxéticos e da transición enerxética. E Plan de impulso ao comercio local e de apoio aos traballadores e traballadoras autónomas a través da formación, modernización e dixitalización; plan de emprego xuvenil cun investimento de 8 M€.

“Se fan propostas que permiten avances, o BNG está. Pero non conten con nós para paripés que deixan claro que non teñen propostas para erguer Galiza da crise. Xa que o PP non as ten, poden apoiar as que presenta o BNG a favor dos galegos e das galegas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG