Parlamento Galego

Ana Pontón propón no Parlamento “un pacto político” contra a violencia machista

Pregunta de Ana Pontón a Núñez Feijóo
Pregunta de Ana Pontón a Núñez Feijóo
  • Na interpelación ao Goberno galego, a nacionalista considerou que Feijóo e o propio Rueda  deberían ter  comparecido na Cámara galega para  anunciar as  novas medidas  previstas contra a violencia de xénero  no inicio da  lexislatura,   e convidou ao Presidente da Xunta e o vicepresidente a comparecer no vindeiro pleno para avaliar a situación  

A  portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón interpelou hoxe ao  Goberno galego sobre as medidas que porá en marcha no inicio da lexislatura para loitar contra a violencia de xénero. A nacionalista mostrou a súa preocupación e criticou que o Vicepresidente Alfonso Rueda respondera que o Goberno o está facendo ben, dentro do  posible. En opinión da deputada existen eivas na actuación do Goberno  polo que propuxo “un pacto” de todas as forzas galegas, co fin de abordar iniciativas e actuacións destinada a parar a violencia contra as mulleres e que ese pacto sexa “unha prioridade” na axenda política.

Pontón volveu a reclamar máis medios e recursos e lembrou que o propio Núñez Feijóo, na quenda de preguntas ao Presidente, ofrecía hoxe un dato “exemplificador”, para a loita contra a violencia de xénero será destinado o 0,17% dos orzamentos da Xunta. Vostede, dixo dirixíndose a Alfonso Rueda,  sabe tan ben coma min que a maior parte deses fondos van para  pagar “o salario da liberdade” e agardo que sexa incrementado para que a dependencia económica non   obrigue a ningunha muller a convivir co seu agresor pero tamén son necesarias outras medidas. Neste sentido, a deputada propuxo destinar o “1% dos orzamentos da Xunta” para  loitar contra a violencia de xénero e poder facer “prevención, formación e mellorar os medios e os recursos”.

O BNG propón “un pacto galego” contra a violencia machista

Ana Pontón volveu a reclamar “un pacto galego” para avanzar na lexislación e no cumprimento dos artigos da lei que na actualidade non se están a cumprir. A protección das mulleres debe ser  efectiva, hai que   poñer en marcha o Estatuto das vítimas por “feminicidio” para   dar unha resposta coordinada. Esta, dixo, sería unha medida pioneira en Galiza pero precisamos tamén  actuar tamén noutros ámbitos como o a educación e formación.

A deputada anunciou que que o BNG presentará unha moción coas propostas mencionadas pero sobre todo co fin de  acadar ese “grande pacto” na Cámara galega, non só para dicir que rexeitamos a violencia contra as mulleres senón para poñer en marcha “medidas reais e efectivas” que mobilicen todos os recursos necesarios para que se converta nunha “prioridade política”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG