PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón propón un modelo eólico con participación pública nos beneficios fronte ao “pelotazo” a favor das eléctricas de Feixóo

Ana Pontón
Ana Pontón

Defende que a enerxía eólica beneficie ao rural que soporta todo o impacto ambiental, vincular os parques a proxectos industriais e abaratar a luz

“Trata a Galiza como colonia que aporta materias primas, quítese as gafas do colonialismo e deixe paso á Galiza verde do XXI”, instou a líder do BNG

Denuncia as portas xiratorias PP-PSOE e acusa a Feixóo de lexislar para o lobby eléctrico: “teñen ao arbitro comprado e ese árbitro é vostede”

Ana Pontón propón un modelo eólico con participación pública nos beneficios fronte ao “pelotazo” a favor das eléctricas de Feixóo

Galiza é unha potencia eólica e hai dous modelos para xestionar esa riqueza: poñela ao servizo das eléctricas como fai o PP, ou poñela ao servizo do País como defende o BNG. Posicións antitéticas que a portavoz nacional, Ana Pontón, ilustrou con dúas imaxes na Praza do Obradoiro: unha en abril de 2009 mostra a Feixóo eufórico co presidente de Iberdrola; outra, mostra a miles de galegos e galegas o pasado 5 de xuño contra o boom eólico depredador dos populares.

“Decida señor Feixoo, vai seguir abrazado ao lobby eléctrico ou vai poñerse do lado de Galiza?”, interpelou Pontón, “porque somos unha potencia eólica e non ten dereito a converter esa riqueza nun pelotazo a favor das eléctricas, nin en barra libre ao espolio dos recursos naturais do País”. A líder do Bloque reprochoulle ao presidente do PP que trate a Galiza como mera colonia subministradora de materias primas.

“A enerxía eólica é unha gran oportunidade de futuro, pero vostede está empeñado en seguir no pasado e trata a Galiza como unha colonia que aporta materias primas a un puñado de multinacionais para que se forren a cambio de migallas. Quítese as gafas do colonialismo e deixe paso a Galiza verde do século XXI”, reclamou.

Para non perder esa gran oportunidade, Pontón demanda unha rectificación da folla de ruta do PP cara un modelo eólico xusto no ambiental e no social, como defende o BNG, que debe incluír unha participación pública nos beneficios, de feito, subliñou, “xa existen empresas publicas explotando e beneficiándose da enerxía eólica de Galiza só que son de Italia ou Noruega”.

A portavoz nacionalista sintetizou a proposta do BNG: “un modelo eólico respectuoso co medio rural e coa xente do medio rural, respectuoso co medio ambiente, con participación pública nos beneficios da riqueza eólica, no que a instalación de nova potencia e novos parques se vincule a proxectos industriais que xeren emprego, un modelo que enerxético que abarate a factura da luz nunha Galiza produtora neta de electricidade”.

Pese a soportar os custes ambientais e sociais desa produción de electricidade, as familias cada vez pagan máis pola luz e miles de empregos están en risco polo prezo da enerxía. “Non podemos permitir que unha oportunidade para Galiza quede reducida a negocio millonario para os accionistas de Iberdrola, Endesa, Naturgy ou Greenalia, e as súas portas xiratorios recolocando a ex cargos do PP e do PSOE”, denunciou.

A día de hoxe hai máis de 4.000 aeroxeradores instalados en 106 concellos, todos no rural, pequenos municipios que levan décadas soportando o custe ambiental sen ver beneficios, que seguen perdendo poboación, perdendo empregos, perdendo servizos e calidade de vida. Os concellos reciben menos do 5% do beneficio eólico e no caso das persoas propietarios das terras non chega ao 2%.

“Perden os galegos e as galegas e gaña o lobby eléctrico. Sabe por que señor Feijóo? Porque teñen ao arbitro comprado e  ese árbitro é vostede. Está a tempo de rectificar e para iso só hai que poñer unhas regras xustas, quitarlle as eléctricas o asento no Consello da Xunta e lexislar a favor de Galiza, para que sexan os galegos e as galegas, os principais beneficiarios da riqueza eólica deste País”, subliñou.

Macedonia do disparate cando non hai argumentos

Na quenda de réplica, a líder do Bloque criticou o “escapismo” do presidente da Xunta que, ante a falta de argumentos, opta por agocharse nunha especie de “macedonia do disparate”, ao tempo que ironizou sobre a previsible crítica “trumpista” ao bipartito pese a que foi o BNG desde o Goberno quen, a través do Decreto 242/2007, prohibiu a instalación de parques eólicos en Rede Natura e deixaba lista unha ampliación que a chegada de Feixóo ao Goberno paralizou.

Ese decreto tamén incluía por primeira vez a obrigatoriedade de contar cunha declaración de impacto ambiental positiva, a participación pública voluntaria nos beneficios e a vinculación dos novos parques a proxectos industriais.

Aspectos proteccionistas e a favor do público que na súa maioría foron anulados pola Lei 8/2009 que o Goberno do PP aprobou en tempo record, “as portas xiratorias, como a que recolocou a ex conselleira de Medio ambiente do PP en Greenalia, explican moito do seu modelo eólico de depredación e espolio señor Feixóo, fai as leis á medida dos seus amigos das eléctricas e despois di que ten que cumprilas”, concluíu Pontón.

 

Ana Pontón propón un modelo eólico con participación pública nos beneficios fronte ao “pelotazo” a favor das eléctricas de Feixóo