Ana Pontón propón mellorar o financiamento do sistema universitario

Encontro co Reitor da USC
Encontro co Reitor da USC

Nun encontro co Reitor da USC, Antonio López, a nacionalista manifestou a necesidade de aportar 450 M€ para financiar no 2019 as universidades, triplicar a contía para o sistema de bolsas e unha aposta real pola innovación

Ana Pontón propón mellorar o financiamento do sistema universitario

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada pola portavoz municipal e candidata á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín mantiveron un encontro co reitor da USC, Antonio López Díaz no que abordaron entre outras cuestións: o “insuficiente” financiamento do sistema universitario galego e moi inferior a media do estado e do ámbito europeo.

Tralo encontro, a portavoz nacionalista anunciou que o BNG presentará unha proposta de resolución no vindeiro debate de política xeral para aumentar a 450 millóns de euros o financiamento, “30 millóns de euros máis”. Asemade, apelou á mellora do sistema de bolsas do que dixo, na actualidade a Xunta destina 3 millóns de euros, moi lonxe do que se está a facer noutros territorios e puxo como exemplo os 10 millóns de euros que destina Canarias. Dende o BNG, afirmou, reclamaremos que no vindeiro ano a contía das bolsas “se triplique” e para unha adaptación á nosa realidade solicitaremos a súa transferencia das bolsas universitarias a Galiza.

Entre os asuntos tratados co reitor da USC, Pontón destacou a urxencia de implementar unha estratexia que incremente o financiamento en I+D+i e sempre apostando “polo talento” e a súa conexión cos sectores produtivos galegos. Seguimos tendo unha situación precaria en investigación polo que é preciso reforzar os recursos e a Xunta debe converterse “nun axente” que garanta a estabilidade do persoal investigador e tomar como modelos referenciais e de éxito como os que xa hai en Cataluña ou Euskadi.

Tras desexar moito éxito a nova equipa reitoral, a portavoz nacionalista afirmou que a universidade “é un músculo fundamental” para a formación, o fomento do talento e unha clara aposta por un modelo de futuro de cohesión social e desenvolvemento. Para Galiza, explicou, “a universidade pública debe ter un papel destacado na innovación e modernización do noso tecido económico e social” e por iso resulta imprescindible defender un sistema universitario público para que “a filla dunha traballadora teña as mesmas oportunidades, condicións e dereitos que a filla dunha empresaria”.

O BNG APOSTA POR INTEGRAR UNIVERSIDADE E SOCIEDADE

Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG e candidata á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín aludiu á necesidade de “humanizar” o Campus Sur coa construción dun aparcamento e outros proxectos que aportarán calidade de vida na zona e deixar atrás a idea dunha universidade de costas á cidadanía de Compostela. “Temos que conseguir unha integración entre os veciños e veciñas e o mundo universitario e asociativo”, concluíu Sanmartín.