Ana Pontón propón mellorar as condicións sociolaborais mariscadoras e tomar medidas para recuperar a produción das rías

Encontro mariscadoras
Encontro mariscadoras

Medidas: semente propia en hatcherys públicas ou privadas, creación dun seguro para cubrir perdas ou un plan de saneamento das rías

En relación aos vertidos da mina de San Finx: “Fronte a un PP que autoriza bombas ambientais, no BNG apostamos por coidar as nosas rías”

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu en Cambados a un encontro con mulleres mariscadoras para abordar as principais cuestións que lles preocupan en relación a dous grandes asuntos: as súas condicións de traballo e a caída da produtividade na Ría de Arousa, que afecta de cheo á actividade que é o seu medio de vida.

“É importante ter en conta que o marisqueo está integrado por case 4.000 persoas, a maior parte mulleres, das que un 32% é maior de 50 anos”, recalcou Pontón, xa que algunhas das reivindicacións este colectivo se basean na necesidade de avanzar na profesionalización e na dignificación das condicións sociolaborais das traballadoras do mar.

Neste sentido, o BNG propón abordar varias cuestións, como a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais das traballadoras do mar que inclúa doenzas vinculadas ao seu traballo pero que non son catalogadas na actualidade como tales. “Estamos falando de doenzas como a artrose, a artrite, dores de costas ou trastornos musculares na columna, entre outros”, indicou a líder do Bloque.

“No BNG tamén somos conscientes de que é necesario elevar os coeficientes redutores para poder acceder antes á xubilación, cambiándoo do 0,10% actual ao 0,30%, dadas as precarias circunstancias do traballo diario das mariscadoras”, manifestou Pontón.

Do mesmo xeito, urxiu a necesidade de crear un Observatorio galego de igualdade entre homes e mulleres no sector do mar, unha vella demanda das traballadoras deste ámbito, que serviría para ter datos estatísticos rigorosos e actualizados e tomar medidas para corrixir situacións de discriminación que se dan desde sempre.

Encontro mariscadoras
Encontro mariscadoras

Cinco medidas de protección ante o descenso da produtividade

Na xuntanza, na portavoz do BNG estivo acompañada pola deputada do Salnés Montse Prado, abordáronse tamén varias cuestións relacionadas co alarmante descenso da produtividade nas ría de Arousa, que se agudiza cos anos sen que o Goberno do PP poña en marcha ningunha medida efectiva. “É moi importante a caída na produción de berberecho, a ameixa, ou o camarón, que impacta negativamente nos ingresos das traballadoras do mar”, indicou Pontón.

Para protexer á mariscadoras ante esta caída continua da produción, o BNG propón tamén diversas medias concretas que se dividen en cinco puntos fundamentais.

O primeiro pasa pola creación dun Plan estratéxico de estudo e recuperación do marisqueo elaborado man a man cos centros de investigación, universidades, entidades ecoloxistas e o propio sector do mar, para traballar na recuperación ambiental e produtiva da Ría de Arousa.

En segundo lugar, Pontón indicou a necesidade da aposta por producir semente propia e de apostar por hatcherys públicas ou mixtas. “O goberno do PP está cruzado de brazos, instaurado nos anuncios, na propaganda e nas promesas incumpridas. Por iso hoxe moitas confrarías están mercando a semente en Francia e Portugal, aumentando a dependencia de fóra do noso sector marisqueiro” advertiu.

Poñendo de exemplo o que xa existe dende hai anos no sector agrogandeiro, a portavoz nacional propuxo a creación dun seguro colectivo para cubrir perdas no marisqueo. “Isto vai permitir compensar ás persoas traballadoras do mar ante unha caída drástica de ingresos por cuestións como os paros biolóxicos ou por adversidades “, explicou.

Como cuarta medida contémplase a creación Plan de saneamento integral das rías galegas con accións, prazos e orzamentos axeitados para que ese saneamento se poda levar a cabo en tres anos. Finalmente, o quinto punto punto xira arredor da posta en marcha dun protocolo de desaugue do encoros que obrigará ás empresas eléctricas que non o cumpran a compensar ás zonas afectadas. Con respecto disto, Pontón indicou que “o exceso de choivas provoca unha baixada na salinidade da auga que afecta á produción, pero cando a iso se suma desaugues dos encoros a consecuencia é unha alta mortalidade do produto”.

“Temos nas rías galegas un ecosistema único de xeración de riqueza e emprego, pero debemos coidalo e preservalo, xusto o contrario do que fai o Goberno do PP, que lonxe de rexeneralas, autoriza auténticas bombas ambientais, como no caso dos vertidos da Mina de San Finx na Ría de Muros-Noia”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG