Ana Pontón propón unha Galiza con poder económico e político como alternativa ao desgoberno de Feixóo

Ana Pontón
Ana Pontón

Discurso rancio e cheo de promesas repetidas, propio dun profeta da post-verdade, criticou. “Baixe do coche oficial para coñecer a Galiza real”

Propón unha axenda galega para defender ante o Estado “goberne quen goberne”. Castelao e Bóveda son de tod@s menos dos fascistas, recalca

A portavoz nacional, Ana Pontón, puxo sobre a mesa as propostas do BNG para construír “esa outra Galiza posible” á que deixa o des-goberno de Feixóo. Unha proposta que pasa por dotar Galiza de poder económico e poder político real para mellorar a vida dos galegos e das galegas.

Poder económico que pasa por un sistema de financiamento “para que Galiza teña a chave dos seus recursos”, cunha banca e unha facenda propias, unha aposta polos sectores produtivos e unha tarifa galega que acabe co espolio enerxético. E poder político real que supere as “estreiteces do autonomismo” creando unha ponencia parlamentaria na que debater “sen límites nin corsés” para articular un novo marco político “que nos recoñeza como unha nación con dereito a decidir o seu futuro”.

Mentres se traballa para conseguir ese poder económico e político, Pontón instou a non “quedar de brazos cruzados” e a defender unha axenda galega ante o Estado, - “goberne quen goberne”-, rachando coa dinámica das forzas estatais “que din unha cousa cando están no goberno e a contraria cando están na oposición”.

Unha axenda de país que recolla como temas inmediatos o pago dos 186 M€ que o Estado debe a Galiza en dependencia, xulgados contra a violencia de xénero en todas as cidades, que inclúa á transferencia da AP9, un plan de modernización do ferrocarril, o fin da prórroga de ENCE e a devolución inmediata do Pazo de Meirás. Unha axenda galega que inclúa tamén un ambicioso paquete de transferencias.

Pontón explicou estas propostas ante un presidente da Xunta que, -salientou-, “representa o pasado, non o futuro”, a quen atribuíu un discurso “reseso e rancio, coas mesmas promesas de sempre”, un discurso no que ignorou á Galiza real que pretendeu tapar exercendo como profeta da post-verdade.

“É postverdade dicirnos que nunca viviramos mellor, cando hai medio millón de persoas en risco de pobreza e emigraron 267.000, é postverdade que lle indigne o dieselazo cando vostede multiplicou por catro o imposto ó gasóleo; é postverdade que nos diga que lle quita lastre ao país cando incrementou a débeda un 270%; é postverdade que se autoproclame militante de Galiza cando foi cómplice de todas as discriminacións do Estado con Galiza”, denunciou Pontón.

A líder nacionalista instou a Feixóo a non confundir a realidade coa imaxe publicitaria que lle transmiten os medios públicos, “apéndices propagandístico do PP”. “Baixe do coche oficial, camiñe polas rúas deste país e pregúntelle a xente como está. Escoitará e verá cousas que non aparecen nos papeis que lle escriben os seus asesores”, salientou, ao tempo que formulaba as preguntas que o presidente do PP evitara no seu discurso.

Malas herbas

“Está Galiza mellor que cando chegou a Montepio fai case unha década? Viven mellor os galegos e as galegas? Teñen mellores empregos e salarios? Reciben mellores servizos públicos? Os nosos mozos e mozas teñen mellores perspectivas de futuro? Os nosos maiores gozan de mellores pensións?”, interpelou.

Pontón respondeu con datos a estas interrogantes. Galiza ten máis paro e emprego máis precario, emigración masiva de xente moza agudizando o problema demográfico, caída do 40% no emprego xuvenil e incremento da fenda salarial.

Subiron as listas de espera en cirúrxicas e para especialista, hai 1.727 profesionais sanitarios menos e 100.000 persoas non poden pagar os medicamentos que precisan. A morte dun doente por falta de atención médica no PAC da Estrada mostra até que punto os recortes e as privatizacións do PP atentan contra a saúde das persoas. Dependencia, educación pública, política de I+D+i, sectores produtivos acusan tamén a “desfeita” da década de goberno de Feixóo.

“É vostede un Terminator para Galiza, as súas políticas son como as malas herbas que impiden que o país floreza. Está instalado na parálise, é un lastre porque é parte do problema, non da solución e porque é un acomplexado que non confía en Galiza”, criticou Pontón.

Incendios, problema ambiental

En materia de medio ambiente, a dirixente do Bloque citou os lumes como o principal problema ambiental do país, mentres o PP segue cunha política forestal pirómana que pon en risco ás persoas como no último incendio no Concello de Mondariz. As rías galegas están sen sanear, non hai unha aposta pola compostaxe, nin transición enerxética, nin redución de emisións. “Todo o contrario, as súas políticas son unha fábrica de cambio climático”.

Propuxo un plan integral de loita contra o lume, un uso multifuncional do monte e  frear a “bomba” da mina Touro-O Pindo.

Violencia machista

A líder do Bloque foi crítica coa negativa de Feixóo a converter a loita contra a violencia machista en prioridade de goberno e mostrou a súa indignación polo machismo do PP e do propio presidente galego.  “As mulleres estamos fartas de que non se nos respecte. Ningún home ten dereito a dicirlle a unha muller que está necesitada ou que é unha chacha. Pero que o fagan representantes públicos é unha indecencia. Están insultando a tódalas mulleres”.

Legado nacionalista

Tamén fixo balance da situación da lingua galega, en pleno retroceso pola política “galegófoba e supremacista” do PP, mesmo denunciada pola RAG cando afirma que “o galego está excluído de moitos ámbitos e nunha posición de desigualdade”, que salienta que a aplicación da normativa do Goberno de Feixóo “supuxo un retroceso en todos os ámbitos analizados”.

A dirixente do Bloque tamén fixo unha sentida referencia ao legado de Castelao e Bóveda, dos que o BNG se recoñece “herdeiro”. “Son patrimonio colectivo de todos os galegos e de todas as galegas, de todos menos dos fascistas e dos seus herdeiros”. “Entregaron a súa vida a defender este país, e fixérono porque eran nacionalistas”, -recalcou- e cualificou de ofensa a súa memoria, “que haxa un presidente que teña o descaro de intentar manipular, retorcer ou ocultar o seu legado e as ideas que eles defenderon. Queda retratada a catadura moral de quen o fai”.

O BNG comparte a “Galiza libre e digna” que soñaba Castelao, “quen  abriu un camiño novo que latexa no corazón de miles de galegas e galegos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG