PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón propón a Feixóo un acordo para adicar o 1% do orzamento de 2021 a loitar contra a violencia machista

Grupo parlamentar
Grupo parlamentar
O grupo parlamentario sumouse a campaña do BNG “Á violencia machista segue aí”, para advertir que o machismo non desapareceu coa pandemia
Ana Pontón propón a Feixóo un acordo para adicar o 1% do orzamento de 2021 a loitar contra a violencia machista

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control ao goberno para propoñer ao presidente da Xunta un acordo na tramitación dos orzamentos co obxectivo de destinar o 1% das contas de 2021 á loita contra a violencia de xénero, é dicir, 115 M€ o que suporía máis que triplicar os recursos actuais.

“Aínda estamos a tempo: pactemos destinar o 1% do orzamento a acabar cunha violencia que afecta ás mulleres polo simple feito de selo, para que nunca máis teñamos que gardar minutos de silencio, para que nunca máis teñamos que ler na portada dun xornal este titular que onte nos encollía o corazón: Un neno de tres anos enfróntase  ao seu pai cando pegaba a súa nai en Vigo. Nunca máis estes titulares e para logralo é necesario ter máis recursos”, alegou a líder nacionalista.

Pontón iniciou a súa intervención deixando claro que si hai saída para a violencia machista e que este é un problema social de primeira magnitude e como tal debe ser tratado tamén no Parlamento, “sen rifi-rafes estériles”. Previamente ao inicio do Pleno, o grupo parlamentario sumouse a campaña do BNG con motivo do 25N que este ano leva por lema A violencia machista segue aí, campaña coa que a formación nacionalista quere transmitir a dobre mensaxe de que non se pode tolerar que a pandemia faga invisible este problema e que a loita continúa.

Non se pode permitir que a violencia de xénero pase a un segundo plano, “porque o machismo ten demostrado que tamén pode ser un virus letal para miles de mulleres” e, polo tanto, a urxencia da COVID non pode ocultar a violencia de xénero, nin o  terrorismo machista que atenta directamente contra a liberdade e contra a vida da metade da poboación.  “A violencia machista segue aí e para combatela necesitamos máis recursos”, concluíu Pontón.


 

Ana Pontón propón a Feixóo un acordo para adicar o 1% do orzamento de 2021 a loitar contra a violencia machista