Ana Pontón propón destinar os 200 M€ de devolución do IVE a financiar un plan de reforzo da atención primaria

Clínico de Santiago de Compostela
Clínico de Santiago de Compostela

Acusa a Feixóo de culpar as e os profesionais para trasladar á cidadanía a falsa idea de que son responsables das listas de espera nos centros de saúde

“Por primeira vez na historia non se garante a atención presencial en atención primaria e iso é responsabilidade do Goberno do PP”, alerta

A atención primaria xa estaba no chasis tras unha década de recortes do Goberno do PP, pero a pandemia está servindo de coartada para afondar no desmantelando da porta de entrada ao sistema público de saúde.

“Por primeira vez na historia, hai listas de espera de até dúas semanas para ir ao médico de cabeceira; por primeira non se garante a atención presencial nos centros de saúde e por primeira vez o Goberno de Feixóo ataca as e os profesionais trasladándolle á cidadanía a falsa idea de que non están comprometidos para darlles a atención necesaria o cal é gravísimo”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión mantida coa  comisión de centros de atención primaria da Área sanitaria de Santiago e Barbanza.

E para reverter esta situación o que se precisa é cambiar os recortes por máis recursos. Neste sentido, o BNG demanda que os 200 M€ de devolución do IVE se destinen integramente a financiar un plan de reforzo urxente da atención primaria que, pese a pandemia, ten 45 M€ menos dos que dispoñía en 2009. De feito, a nivel de financiamento, xunto con este investimento adicional e urxente, o Bloque pon unha segunda proposta sobre a mesa: destinar a atención primaria o 25% do orzamento de sanidade, fronte ao 15% actual.

Pontón tamén propón un plan de recursos humanos  coa finalidade de dotar aos centros de saúde do persoal necesario, tanto sanitario como do resto de categorías, e xerencias propias con capacidade de decisión e con orzamentos.

“O Goberno de Feixóo converteu en norma que non se cubran as baixas, nin as vacacións, nin as xubilacións e así temos os centros de saúde con persoal sanitario que traballa de xeito precarizado no laboral e sobrecargado no asistencial”, denuncia a líder nacionalista.

Unha atención primaria con listas de espera é un contrasentido, alega Pontón, porque como o seu propio nome indica é a primeira opción á que acudimos cando nos sentimos enfermos. “Se te levantas con 40 de febre é obvio que queres ver de inmediato ao médico de cabeceira. Se a resposta é que hai unha semana ou quince días de lista de espera, a reacción é ir á privada as persoas que teñen recursos e senón ao servizo de urxencias dun hospital”, subliñou.

Esa é a realidade e o Goberno do PP no está facendo nada por solucionar un problema que afecta directamente a saúde dos galegos e das galegas, critica, senón que é parte do problema.

“Primaria é clave para atender á saúde da poboación, desde a prevención, desde o coñecemento do trato personalizado e directo porque a relación médica-paciente é a base dunha boa atención, pero iso está roto. E é unha covardía inaceptable por parte de Feixóo que use unha decisión do seu Goberno para enfrontar a profesionais e doentes”, recriminou.

Por contra, o Bloque pon en valor o “inmenso esforzo” de todo o persoal sanitario, antes e despois da pandemia: “O que o se precisa e tratar á atención primaria como o que realmente é, a alfaia do sistema sanitario e imos seguir traballar nesa dirección”, concluíu, tras unha reunión cos profesionais no CHUS xunto coas portavoces parlamentarias de sanidade, Montse Prado e Iría Carreira.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG