Ana Pontón propón axudas directas ás persoas autónomas dentro do plan de choque contra a crise de prezos que defende o BNG

Reunión UPTA
Reunión UPTA

Ve positivo fixar tramos de cotización para este colectivo, pero é necesario coñecer a formulación final do Goberno do Estado para ter unha valoración. “O importante é que ganen en equidade”, indicou

Tras a reunión con UPTA, pide máis apoio para un colectivo de 210.000 persoas, no que o 70% ten ingresos inferiores ao SMI

Ana Pontón propón axudas directas ás persoas autónomas dentro do plan de choque contra a crise de prezos que defende o BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón axudas directas ós e ás traballadoras autónomas para paliar os efectos da subida de prezos, por ser un dos colectivos máis impactados pola escalada inflacionista e tendo en conta que o 70% das 210.000 persoas que están dentro desta categoría laboral teñen rendas inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI).

A líder do BNG fixo esta proposta tras o encontro co coa dirección da Unión de profesionais e traballadores e traballadoras autónomas (UPTA), encabezada por Eduardo Abad e Jesús Diéguez, para abordar a súa situación nun momento en que se están ultimando reformas lexislativas para un colectivo, “con moitas dificultades, pese ao seu empuxe e importancia, por iso precisan un apoio por parte das administracións públicas”.

Entre as medidas, ademais de axudas directas, que Pontón inclúe dentro do plan de choque de 700 M€ que o BNG propón mobilizar ante a escalada de prezos, tamén inclúe prestar apoio no proceso de transformación e dixitalización que esixe o momento.

Un dos asuntos abordados no encontro, ao que tamén asistiu o portavoz parlamentario de emprego, Daniel Pérez, foi a reforma estatal que se debate neste momento, en particular os tramos de cotización, un asunto que lle preocupa ao Bloque.

“Pensamos que é importante abordar un sistema que aporte maior equidade para as persoas autónomas, e fixar tramos é un camiño acertado, pero para facer unha valoración hai que esperar a ver o resultado final da negociación en curso, como se concretan os tramos e cales serán as contraprestacións para un colectivo de gran importancia en termos sociais e económicos”, explicou.

Pontón destacou que a maioría das persoas autónomas en Galiza teñen pensións moi baixas, as segundas máis reducidas do Estado. Ante a situación do colectivo, e nun contexto inflacionista, o BNG considera fundamental que o goberno do PP preste un maior apoio a uns traballadores e traballadoras “que soportan como pouco a crise de prezos, como se pode ver no sector do comercio e da hostalería, onde abundan as persoas autónomas”.

Neste sentido, a líder nacionalista insiste en reclamarlle ao Executivo de Rueda un plan de choque que mobilice 700 M€ con axudas directas para os colectivos con menores niveis de renda e para os sectores económicos máis impactados polo IPC, entre eles ás persoas que traballan por conta propia. “Un plan que inclúa unha liña de axudas directas para este sector que está soportando como poucos a escalada de prezos e, por iso, debe ser prioritario á hora de recibir axudas”, concluíu.

 

Ana Pontón propón axudas directas ás persoas autónomas dentro do plan de choque contra a crise de prezos que defende o BNG