Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón promete que a representación do BNG no Congreso servirá para acabar coa discriminación de Galiza

Acto Narón
Acto Narón
Néstor Rego pide concentrar todo o voto “en chave de país” no Bloque, o único que pode defender unha axenda galega ante o Estado

A portavoz nacional, Ana Pontón,  aproveitou o mitin de Narón para facer un chamamento a todas as persoas “decepcionadas e cabreadas” co “espectáculo” das forzas estatais, que volveron demostrar que pasan dos problemas de Galiza.

“Aquí en Narón sabedes ben dos problemas da deslocalización, da precariedade dun mercado de traballo que as contrarreformas laborais de PP e PSOE non fixeron máis que agravar, pero aí seguen. Nesta comarca sabedes ben o que é a discriminación das forzas estatais na crise do naval, no emprego en risco nas empresas electrointensivas, na sempre aprazada rehabilitación das rías, nun tren de cercanías do século pasado, da estafa da peaxe da AP9”, salientou Pontón, “e poderíamos seguir dando exemplos da discriminación do Estado con esta comarca”.

Por iso, pediu converter o 10N nunha oportunidade para responder nas urnas “a tanto ninguneo e tanto desprezo”, optando pola única unha forza “que ten as mans libres para facer o que sempre fixo: defender un futuro mellor”. “Urxe recuperar peso político en Madrid e que ninguén se equivoque: Nestor Rego non vai ao Congreso para estar calado, senón para dar a cara polos problemas deste concello e desta comarca”.

Unha defensa que contrasta coa submisión dos 23 deputados e deputadas polas sucursais das forzas estatais, “que non abriron a boca contra a discriminación nin unha soa vez”, ao contrario, limitáronse a un “seguidismo servil” do que ordenaban os seus xefes de filas madrileños. “Nada podemos esperar do bipartidismo PP-PSOE que con tanta facilidade se alternan na discriminación a Galiza cando chegan á Moncloa, e Podemos tamén demostrou o que podíamos esperar cando pactou con Sánchez e votou a favor dos peores orzamentos do Estado para este país en vinte anos”, denunciou.

Acto Narón Por iso, proclamou, é hora de “facerse valer” ante o Estado, recuperar voz propia no Congreso como xa teñen vascos, cataláns, canarias, valencianas e até Cantabria, -destacou-, ten hoxe máis influencia política que unha Galiza que sempre xogou na liga das nacións.

Este país non pode seguir fora do debate do Estado porque perde oportunidades, “ou condicionamos a política do Estado ou veremos como seguen tomando decisións en contra deste país”. Por iso, hoxe son máis as persoas que, con independencia do que votasen noutras ocasións, “teñen claro que co BNG no Congreso a partir do 10N, Galiza gana, que saben que nos lles imos fallar e que, nun escenario sen maiorías absolutas, imos marcar a diferencia a favor do país”.

“Poñeremos a nosa representación ao servizo dos e das galegas, porque isto non vai do futuro de Sánchez nin de Casado. O 10N vai dos 6.000 empregos en xogo só no sector industrial en empresas como ENDESA, ALCOA entre outras; como subir as pensións que son as segundas máis baixas do Estado, de acabar coa estafa da AP9, de ter un bo servizo cercanías, de que paguen a débeda en dependencia, vai de ter un sistema de financiamento xusto, vai de defender un novo status que nos recoñeza como nación. Por iso, é momento de apostar por Galiza, é o momento de apostar polo BNG”, concluíu.

Apelación ao voto do Senado

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Néstor Rego, insistiu na necesidade de "concentrar todo o voto en chave galega no BNG porque é a única organización que, como sempre demostrou, se compromete a poñer sobre a mesa unha axenda política que defenda os intereses galegos".

Apelou, neste sentido, ás persoas que o pasado mes de abril votaron á organización nacionalista ao Senado porque, con ese apoio, "abondaría para ter representación no Congreso e ter voz propia para facer valer o país porque, como xa comprobamos, se o BNG non está, ninguén o vai facer".

Lembrou así que o proxecto de orzamentos que o Goberno de Pedro Sánchez co apoio de Podemos destinaba a Galiza eran 745, tres veces menos dos 2.100 millóns que estaban consignados en 2009 "cando os dous votos do BNG eran decisivos o que demostra o que supón ter unha forza que actúe en defensa dos nosos intereses".

Na súa intervención no acto de Narón, Néstor Rego dirixiuse tamén ás persoas que "votaron outras forzas galegas ou da esquerda española e que agora se senten defraudadas porque comprobaron que, despois de teren chamado ao voto útil, foron completamente inútiles para Galiza, porque están a tempo de conseguir que o BNG volva ter presenza no Congreso e con iso teren a garantía de responsabilidade e compromiso co país". 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG