Ana Pontón: "As prioridades do BNG son a saúde dos e das galegas e a protección económica das persoas afectadas pola crise"

Cualifica de “rácanas” as medidas do Estado: “Non se trata de aprazar senón de condonar o pago da hipotecas, é hora de que a banca devolva parte do rescate. Non podemos permitir que a crise a paguen os de sempre”, declarou

Insiste en blindar Galiza para evitar a expansión do coronavirus, tras constatar o erro de non ter pechado territorios que actuaron como difusores do virus

A nova data das eleccións: cando a crise sanitaria estea totalmente superada, nin un minto antes, explica. Pide que o Parlamento teña un papel destacado

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou a súa comparecencia, tras a reunión por videoconferencia co presidente da Xunta e co resto das forzas políticas, cunha mensaxe de recoñecemento e orgullo polo papel do pobo galego ante a crise do coronavirus, e cun sentido agradecemento ao extraordinario labor e entrega do persoal sanitario e de todas e cada unha das persoas que están traballando en servizos imprescindibles correndo riscos en beneficio do conxunto da cidadanía.

Palabras de alento, tamén, para as persoas que padecen o virus e, moi especialmente, para as familias que perderan un ser querido. “Non están soas”, subliñou.

Pontón volveu destacar que a única prioridade é combater a pandemia e nese sentido o BNG traballa “para estar á altura e dar o mellor de nós para loitar contra este virus”. Xunto coa prioridade de sumar no que faga falta para minimizar os efectos sobre a saúde das persoas, a líder nacionalista apuntou a outra derivada da crise que preocupa, e moito, á formación que dirixe: a repercusión sobre a economía e o emprego.

No ámbito sanitario, trasladou a preocupación do BNG pola expansión do virus, tras insistir en blindar Galiza e mostrarse crítica coa decisión de non pechar aqueles territorios cun importante foco de coronavirus. “Dixemos que foi un erro non ter pechado os territorios que foron foco da expansión e os feitos dannos lamentablemente a razón, -indicou-, por iso hai que tomar medidas máis contundentes e blindar Galiza porque se ten demostrado que a restrición de movementos é unha medida eficaz para frear a expansión do virus”.

“O Estado ven de establecer fronteiras con Portugal e con Francia, e Baleares ven de pecharse con cen casos. Aquí temos moitos máis e por iso dicimos que hai que blindar Galiza e bloquear portos, aeroportos e as principais vías de comunicación, non se pode agardar máis porque é unha medida efectiva”, alegou.

Nesta liña de protección da saúde a poboación, o BNG propón tamén paralizar toda a actividade económica que non sexa indispensable, para protexer ao máximo a todos os traballadores e traballadoras dun risco de contaxio.

Evitar a destrución de emprego

No ámbito económico e laboral, a portavoz nacionalistas considera esencial “a seguridade económica das familias e das empresas do país, para evitar a destrución de emprego, que as persoas teñan garantidos os seus ingresos vitais, e que non se deixe caer a ninguén e a ningunha empresa do noso país”, explicou.

Neste sentido, Pontón cualificou de “insuficientes” ás medidas anunciadas polo presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e mesmo tildou de avaras ás medidas que van dirixidas directamente á persoas qu poden perder ou ver recortados os seus ingresos polas consecuencias do estado de alarma. En concreto, citou cuestións como o pago da hipoteca, alugueiro ou facturas de servizos básicos.

“Son rácanas e insuficientes as medidas destinadas as persoas que poidan pasar e estar nunha situación de vulnerabilidade, por exemplo, cando se fixa unha moratoria nas hipotecas mentres noutros países do entorno se establece a condonación. Desde o BNG propoñemos que se condonen como mínimo 3 coutas de hipoteca, se salvamos a banca con máis de 60.000 millóns de euros agora é o momento de que nos devolvan unha parte dese rescato feito co esforzo de todos e de todas”, argumentou.

Igualmente, o Bloque pide eximir tamén durante tres meses do pago das facturas da luz, auga ou gas para todas as persoas, asalariadas ou autónomas, e tamén para as empresas afectadas nos seus ingresos polas medidas decretadas ante a pandemia. No ámbito económico e laboral, recalcou, “a prioridade é actuar para evitar a destrución de emprego, evitar que milleiros de persoas queden tiradas pola crise”, recalcou. “Non podemos permitir que a crise a paguen os de sempre”, sentenciou.

Desde o consenso e a máxima garantía xurídica

En relación a decisión de deixar sen efecto o proceso electoral do cinco de abril, o BNG mantén o que leva días propoñendo: suspender os comicios e retomar a cita coas urnas cando a crise estea totalmente superada e en condicións adecuadas que garantan o dereito ao voto, decisión sempre desde o consenso político, coas máximas garantías xurídicas e cun horizonte claro.

“Esa foi a decisión adoptada na reunión de hoxe: cancelar as eleccións coa máxima seguridade posible e cun criterio claro para retomar o proceso que non é outro que cando a crise estea superada. A urxencia neste momento e superar a crise sanitaria, a prioridade total. A partir de aí poñemos o contador porque queda nun segundo plano a competición electoral”, subliñou, ao tempo que se congratulaba pola capacidade de consenso das forzas políticas.

Anomalía democrática

Pontón tamén trasladou que é preciso que o Parlamento teña un funcionamento, a través da Deputación Permanente, o máis completo posible porque estamos nunha situación de “anomalía democrática” e a sociedade necesita ver un parlamento “que funciona” e que o poder lexislativo desempeñe un papel activo para saír da crise. O BNG xa remitiu ao resto de grupos unha proposta para que a DP funcione como “un parlamento en pequeno” tras levantarse o estado de alarma, adoptando con medidas de impulso e de control, “lanzando unha mensaxe de unidade entre todas as forzas”.

“E importante que o poder lexislativo que máis representa a vontade popular teña un papel activo para saír canto antes desta situación de emerxencia”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG