Ana Pontón presionará á Xunta no Parlamento para que cumpra cos investimentos pendentes en Carballo

Visita Carballo
Visita Carballo

Iniciar a variante no tramo de acceso ao polígono e desenvolver máis solo empresarial, entre as prioridades das iniciativas a defender na Cámara. Pide a Feixóo lealdade e que deixe de ser unha rémora para o concello

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita institucional ao Concello de Carballo, a primeira tras o 26M que deixou un apoio reforzado ao proxecto de transformación en positivo que o BNG desenvolve neste municipio baixo o liderado do alcalde Evencio Ferrero.

“Os cambios postos en marcha foron moi importantes pero insuficientes, e o BNG traballa xa en novos retos para seguir mellorando este concello, cabeceira de comarca de gran importancia económica e social, co obxectivo de crear e maximizar espazos de oportunidade, mellorando o potencial económico, turístico e social e poñendo en valor a nosa cultura”, salientou Pontón tras o encontro co novo grupo de goberno.

Pero para seguir avanzando ao ritmo que Carballo necesita, Pontón reclamou ao presidente da Xunta lealdade institucional para darlle  á veciñanza o trato que merece atendendo as demandas do goberno local.

“No proceso de transformación e avance destes anos hai unha pata que fallou, porque a Xunta que non está cumprindo con Carballo”, denunciou a líder do Bloque, tras subliñar que Feixóo só visita o concello en campaña electoral. “Leva esta vila dez anos de seca en investimentos por parte do goberno do PP, nin un só investimento público para enfocar os retos de futuro”, criticou.

Visita Carballo 2Neste sentido, avanzou que o BNG vai presentar na Cámara lexislativa unha serie de iniciativas co fin de facer seguimento e presión para que o Goberno de Feixóo cumpra con Carballo, citando dúas prioridades: o inicio da variante polo tramo de acceso ao polígono e a promoción de novo solo empresarial co obxectivo de que teña dotación nos orzamentos de 2020.

“Imos reclamar no Parlamento a tan solicitada variante, e despois de todo o traballo feito desde o concello e desde o conxunto da sociedade civil, a Xunta ten que recoñecer que é unha aberración que non exista esa variante nunha vila desta importancia”, indicou, para completar engadindo que as obras deben iniciarse pola conexión co parque empresarial.

“Pola súa importancia desde o punto de vista económico e de mobilidade, e porque así o demanda o concello, o empresariado e tamén a comunidade educativa para solucionar un problema de seguridade viaria”, argumentou.

O Bloque tamén levará á Cámara unha segunda prioridade vinculada a creación de novo solo industrial, “pois afortunadamente o que existe está ocupado, hai proxectos empresariais e sería unha barbaridade que se freasen porque a Xunta no invista, sobre todo despois de ver parques promovidos polo goberno do PP nos que só medran toxos, sería un despropósito que non investise xusto onde hai demanda”.

“Non se poden obviar por máis tempo as necesidades de Carballo e o que se espera do presidente da Xunta é que deixe de ser unha rémora e sume para contribuír ao avance deste concello”, concluíu, tras felicitar a  Ferrero e ao seu equipo de goberno polo traballo feito e polo proxecto “de longo alcance” que seguirán desenvolvendo tras revalidar a confianza da veciñanza.

Respecto e lealdade con Carballo

Pola súa parte, o rexedor tamén incidiu na falta de compromiso amosada até agora polo Executivo autonómico.

“Temos que seguir reivindicando servizos, dotacións e infraestruturas ante a pouca atención que se está a ter desde a Xunta, e esperamos que haxa un trato de respecto e de lealdade institucional por parte do Goberno galego para a veciñanza de Carballo”, argumentou. Ás promesa incumpridas de cuestións urxentes mencionadas, Ferrero engadiu o derrubo do edificio para evitar desbordes do río, previsto para 2018 pero aínda pendente.

“E levamos así ano tras ano, tras ano, e seguimos esperando, cando é unha cuestión que require un investimento de 100.000 euros e sería unha actuación exemplarizante para evitar construír no couce do río”, denunciou o rexedor, quen agradeceu a visita de Pontón e o compromiso do Bloque para sumar desde o Parlamento a que os investimentos pendentes pasen a ser unha realidade en beneficio da veciñanza de Carballo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG