Ana Pontón presenta a Olaia Ledo como a candidata capaz de darlle a Narón un modelo urbano para as persoas

Presentación Narón
Presentación Narón

Olaia Ledo puxo en valor o traballo realizado polo BNG e pide a confianza da veciñanza na cita do 26M para avanzar e conseguir un concello inclusivo. “Cando goberna o BNG, gana a xente”, salientou

Pon como aval o bo facer dos gobernos municipais nacionalistas, referentes de calidade de vida, de dinamismo económico, social e cultural

Ana Pontón presenta a Olaia Ledo como a candidata capaz de darlle a Narón un modelo urbano para as persoas

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación da candidata á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, a quen definiu como “unha muller coas ideas claras do que queremos facer aquí”, a candidata capaz de darlle a Narón un novo modelo urbano que coloque as persoas no centro.

Ese novo modelo de cidade que o BNG quere construír man a man coa veciñanza a partir do 26 de maio, “no que as persoas sexan o primeiro, cunha mobilidade amable que permita que os nenos e as nenas corran e xoguen polas rúas, que aposte polo comercio local, pola cultura como elemento de cohesión social e que permita a veciños e veciñas sentir o orgullo de pertencer a un concello con calidade de vida”, proclamou a líder nacionalista.

Pontón pediu o apoio á candidatura que encabeza Ledo porque o BNG representa “unha aposta segura para levar adiante esa transformación”. “Temos un proxecto para os concellos que funciona, e aí están os gobernos municipais nacionalistas que son concellos modelo, que serven de referencia a nivel internacional porque melloran a vida das persoas”, argumentou.

A portavoz nacional destacou o traballo feito ao longo dos anos no concello, e instou a dar un salto adiante: “É o momento de dar un salto con persoas novas pero que recollen toda a experiencia acumulada destes anos, con persoas con ganas de dar o mellor de si mesmas para que Narón avance”.

Presentación Narón “O voto ao BNG é tamén o voto de todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, e que nos doe ver o que lle está pasando a este país e queremos construír esa outra Galiza posible, con calidade de vida, sen emigración, coas rías saneadas, temos que dar un paso adiante e confiar nas posibilidades de Narón”, recalcou Pontón.

Galiza e Narón xóganse moito o 26 de maio, “porque precisamos outro rumbo e quen pode ofrecer ese proxecto transformador é o BNG”, concluíu.

A candidata agradeceu a confianza da militancia  e asume o reto “con ilusión, orgullo e con moitas ganas de traballar para conseguir un Narón mellor”. Destacou o “gran labor” realizado polos concelleiros e concelleiras do Bloque desde o goberno local, -Pablo, Teresa e Fandiño, citou expresamente-, o que lle permite ao BNG presentarse a cita electoral “cos deberes feitos, con logros que demostran a nosa capacidade para aportar solucións”.

Entre eses logros reducir a cero os doce millóns de débeda bancaria grazas a xestión da concellería de Facenda responsabilidade do BNG.

“Así evitamos os recortes sociais mesmo nos peores momentos da crise, investindo en cuestións que realmente valen a pena: dar cobertura social a quen ten máis dificultades, en convenios con entidades sociais e culturais, en promocionar o comercio local e os produtos de proximidade, na recuperación da memoria histórica”, explicou Ledo.

Presentación Narón Narón sen débeda e sen desafiuzamentos

“Un exemplo que sempre poño é que, grazas a xestión do Bloque, en Narón non se produciu nin un só desafiuzamento, pese a ter case 40.000 habitantes”, subliñou a candidata. Igual que Pontón,  Ledo proclamou que é o momento de dar un paso adiante e pediu o apoio da veciñanza para conseguir un novo modelo de cidade.

“Queremos facer máis e construír un modelo de cidade diferente, é o momento de avanzar para construír o Narón que todos e todas queremos, das persoas, no que os nenos e nenas, as persoas maiores, persoas con capacidades distintas teñan todos os servizos cubertos, e iso conséguese con traballo, con confianza e con bo facer”, salientou nun acto ante a militancia, simpatizantes e veciñanza.

San Sadurniño ou Moeche, dos concellos da comarca, ou Carballo como concello de dimensións similares a Narón, son exemplos dese bo facer do Bloque cando goberna.  “Aí demostramos que somos capaces de transformar vilas e cidades e mellorar a vida das persoas, cando goberna o BNG quen gana é a xente”, concluíu, pedindo o apoio dos veciños e veciñas “para poder liderar a alternativa que Narón necesita”.