Ana Pontón presenta a Adolfo Muíños como un valor seguro para que Rianxo siga avanzando

Presentación Adolfo Muíños
Presentación Adolfo Muíños

O alcalde e candidato compromete “traballo, sentido común e un gran desexo de seguir resolver problemas” en beneficio dos e das veciñas

Ana Pontón presenta a Adolfo Muíños como un valor seguro para que Rianxo siga avanzando

A portavoz nacional, Ana Pontón, declarouse “honrada” de poder presentar a Adolfo Muíños como candidato do BNG á Alcaldía de Rianxo, a quen definiu como un valor seguro tras destacar a súa cercanía á veciñanza e a súa entrega ao concello, no acto celebrado no auditorio ante un cento de militantes e simpatizantes.

“Adolfo é unha aposta segura”, salientou Pontón, “e sabedes mellor ca min da súa capacidade de entrega, de diálogo, que sempre ten a súa porta aberta para calquera veciño ou veciña e que pon todo o seu empeño para que Rianxo avance, para buscar solucións aos problemas e por iso hoxe este concello está en mellor disposición para enfrontar os retos de futuro”.

A dirixente nacionalista puxo en valor os oito anos de goberno municipal de Muíños, “oito anos que demostraron a capacidade da equipa que lidera Alfonso, a capacidade de transformación do BNG”. Para que ese avance non se deteña, Pontón anima a conseguir un novo impulso nas  vindeiras eleccións municipais.

“Rianxo non pode perder o que gañou nestes anos, temos que darlle un impulso ao BNG e facelo con persoas que levan este concello na cabeza e no corazón, que coñecen aos veciños e veciñas, que saben cales son as apostas de futuro, e este é un camiño que non se pode deter”, salientou, convencida de que Muíños recibirá un contundente apoio na cita electoral.

Presentación Adolfo Muíños“Adolfo é unha aposta segura, -recalcou-, a garantía de que este concello vai seguir avanzando e mellorando, a garantía de que as persoas seguirán estando no centro da xestión e da acción de goberno do Bloque no concello, garantía dunha equipa capaz que conta cun proxecto claro para aproveitar todo o pontencial de Rianxo”, en beneficio da súa veciñanza.

Pola súa parte, o candidato e actual alcalde agradeceu a confianza da militancia do BNG local que de novo volve encomendarlle “unha  gran responsabilidade” e agradeceu tamén o apoio que lle está a trasladar moita veciñanza tras coñecer que optará a un terceiro mandato  “polo que supón de arroupar a miña candidatura”, salientou.

Un apoio ante o que Muíños ofrece “total compromiso para seguir traballando a favor do concello, para abordar as que quedan por diante pero tamén coa satisfacción de ter solucionado moitos problemas o que nos permite enfrontar novos retos con máis ánimo e con máis recursos”, sinalou, en referencia ao saneamento das contas municipais.

“Comprometo traballo, sentido común e un gran desexo de resolver problemas e de ser dignos herdeiros deste pobo no que naceu Castelao, Manuel Antonio”, declarou, “ese compromiso coa lingua, coa cultura, pero tamén co desenvolvemento dos servizos sociais, co medio ambiente e con todas as tarefas que temos abordado ao longo dos anos de goberno do BNG”, reiterou o alcalde nacionalista.

Recta final para o Plan xeral de ordenación municipal, a dotación de novos equipamentos sociais, -como a posta en marcha dun centro de día no Pazo do Rianxiño-, ou activar o parque empresarial, -cun 33% da superficie vendida-,  figuran entre as propostas d BNG para o terceiro mandato, así como seguir co saneamento das finanzas do concello tras lograr reducir unha débeda herdada de 4,5 M€ aos 800.000 euros actuais.

“Responsabilidade, ilusión e moito ánimo para encarar esta vindeira campaña de cara as elección municipais de 2019”, recalcou Muíños.