Ana Pontón pon en valor o papel dos supermercados que apostan polo produto galego e dinamizan a economía local

Visita Eroski
Visita Eroski

“Aporta rede comercial ao produto do País, alimentos de calidade e saudables as e os consumidores e é máis sustentable para o medio ambiente”

Aproveitou a visita a Velgasa-Eroski para recoñecer o esforzo feito polos traballadores dos supermercados, a maioría mulleres, durante a pandemia

O produto galego é sinal de identidade das prazas de abastos e mercados tradicionais, pero tamén os supermercados poden ser aliados dos produtores e produtoras do País como destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras visitar un centro que a distribuidora de alimentación Vegalsa-Eroski ten no concello de Teo, e coñecer de primeira man a súa aposta polo produto galego quilómetro cero.

“Os supermercados poden ser aliados para os produtores e produtoras locais abríndolles unha vía de comercialización, o que ademais implica poñer á disposición dos consumidores e das consumidoras alimentos galegos de calidade e saudables e implica tamén unha maior sustentabilidade e preservación do medio ao apostar por produtos quilómetro cero”, salientou Pontón, tras sinalar que os supermercados “son unha vía importante de apoio á economía local cando apostan polo produto galego”.

Unha liña importante de traballo que, segundo os datos facilitados polo Grupo Vegalsa-Eroski supuxo 332 millóns de euros en 2020 en compras a produtores e provedores locais. “Os supermercados teñen no apoio ao produto local unha liña de traballo que tamén pode axudar a saír da crise, porque é evidente que Galiza ten unha enorme capacidade para producir alimentos de calidade e desde a sustentabilidade ambiental e iso vai en beneficio do conxunto do País”.

Visita EroskiO BNG entende que apoiar aos produtores e produtoras galegas contribúe a dinamizar o tecido económico local, contribúe a unha alimentación saudable e de calidade e aposta pola sustentabilidade, xa que reduce a contaminación ligada ao transporte de mercadorías de longa distancia.

A líder nacionalista aproveitou a visita ao supermercado que a cadea ten en Montouto (Teo) para trasladar un recoñecemento expreso do BNG ao todas as persoas que traballaron en supermercados e centros de alimentación durante a pandemia, a inmensa maioría mulleres, “porque foron parte das imprescindibles nos peores momentos da crise para garantir o abastecemento de alimentos ás familias, grazas polo voso esforzo”, declarou.

Visita Eroski Finalmente, Pontón tamén quixo poñer en valor o compromiso de Vegalsa-Eroski polo esforzo en recoñecer e difundir a pluralidade lingüística a través dunha etiquetaxe que da visibilidade ao galego como idioma propio do País.

Unha representación da empresa encabezada polo director xeral, Joaquín González, e polo director de compras, Jorge Eiroa, acompañou a portavoz nacional do BNG na visita guiada e posterior reunión, na que tamén participou o portavoz parlamentario de Comercio, Daniel Pérez; a deputada pola comarca, Iria Carreira, e o portavoz municipal de Teo, Manuel Barreiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG