Ana Pontón pon en valor o comportamento exemplar dos galegos e das galegas agora que chega o ansiado momento “de camiñar polas rúas sen máscara”

Ana Pontón
Ana Pontón

Resalta o traballo “admirable” de todas as persoas que participan na vacinación, un proceso masivo de saúde pública sen precedentes

Pide aprender as leccións da pandemia reforzando a sanidade pública e avanza que o BNG presentará no Parlamento unha nova lei de residencias

“Os datos dan motivo para o optimismo e, dentro da necesaria, moi necesaria prudencia, podemos ter a confianza de que comezou a conta atrás para recuperar o ritmo das nosas vidas e a liberdade da ansiada normalidade”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, nunha comparecencia para expresar o seu recoñecemento polo comportamento exemplar da inmensa maioría dos galegos e das galegas durante 14 longos meses de pandemia.

“Vernos nas rúas cara a cara, sen máscara polo medio, vai ser, sen dúbida,  un momento emocionante e todo indica que a partir deste sábado 26 poderemos empezar a camiñar polas rúas sen máscara, poderemos respirar sen máscara nos espazos abertos, loxicamente sempre e cando non haxa aglomeracións, sempre con prudencia e sentido común. Dúas condicións que os galegos e as galegas teñen cumprido amplamente ao longo da pandemia”, alegou a líder nacionalista.

Por iso, instou ao xefe do Executivo galego que evitase a tentación, “por oportunismo político ou por confrontación estéril”, de retrasar ese momento longamente esperado, “ese gran paso cara a normalidade que todos e todas desexamos. Os datos demostran que é posible dar ese respiro aos galegos e as galegas”, recalcou, e tendo en conta ademais que o propio presidente da Xunta facía hai dúas semanas esa petición de retirada das máscaras no exterior.

Agora que a Galiza post COVID  está moi cerca, a portavoz nacional, quixo poñer en valor, unha vez máis, “o esforzo feito, a coraxe e a xenerosidade mostrada pola inmensa maioría da cidadanía”, con especial mención ao papel desempeñado por aqueles colectivos máis implicados na loita contra o virus.

“Quero poñer en valor o inmenso esforzo do persoal sanitario que velou pola nosa saúde sen escatimar horas, nin esforzo”, indicou, así como a todas as persoas “que participan na vacinación, nunha proceso masivo de saúde pública que non ten precedentes e que está permitindo unha desescalada segura e cada vez máis rápida. Admirable o seu traballo”.

Tamén subliñou o papel das traballadoras das residencias, -que soportaron o peor da pandemia-, e de todos os e as profesionais daqueles sectores que xogaron un papel imprescindible nos meses máis duros da crise, e tivo palabras de lembranza para os que perderon a vida polo virus.

“Esta comparecencia non tería sentido sen faltasen as palabras de apoio e de solidariedade para todas as persoas que perderon a un ser querido nesta crise, 2.434 galegos e galegas que estarán sempre na nosa memoria. E tamén unhas palabras de ánimo para quen aínda segue loitando contra o virus para desexarlles un pronta recuperación sabendo que están nas mellores mans”, salientou.

Reforzar atención primaria con 200M€

Pontón demandou que se teña en conta as leccións deixadas pola pandemia e formula as propostas do BNG en materia de sanidade, coidados dos maiores ou para saír da crise económica.

“Hai que reforzar a sanidade pública, empezando pola Atención Primaria cun plan de choque de 200 M€ e traballar nun novo modelo de residencias que non faga negocio coa vellez, empezando porque  as sete residencias proxectadas nas cidades sexan de xestión pública directa e unha nova lei que imos presentar ante o Parlamento que poña as persoa maiores por diante e garanta o dereito a unha vellez digna”.

Para saír da crise, os fondos europeos de recuperación van ser unha peza importante, e deben chegar ao tecido produtivo real, sentar as bases dun novo modelo económico verde e sustentable, asentado na ciencia e na investigación e non supoñer novos recortes sociais, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG