Galegas 2020

Ana Pontón pon a experiencia e capital acumulados nos concellos como aval de que o BNG está preparado para liderar a Xunta

Encontro municipal
Encontro municipal

Entre as prioridades, acabar coa discriminación e déficit no financiamento dos municipios apostando por un concerto económico

Alcaldes alcaldesas recalcan que van “traballar fondamente” para que Galiza teña un goberno presidido por Ana Pontón, garantía de cambio real

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro cos alcaldes, alcaldesas e responsables dos gobernos municipais no marco da cita do 5A, e destacou que os concellos liderados polo BNG son “exemplos de bo goberno” e de políticas transformadoras capaces de mellorar a vida das persoas.

Ese modelo de “gobernos de calidade” xunto coa experiencia e capital acumulados avalan que  BNG está preparado para liderar o goberno do cambio real.

“Nos concellos demostramos a experiencia acumulada de gobernos transformadores,  un valor moi importante que será tido en conta porque os mellores gobernos municipais levan a marca BNG e ese é un aval tamén para pedir a confianza dos e das galegas”, explicou Pontón.

Son concellos que innovan, que confían na capacidade do país e poñen sobre a mesa medidas alternativa, pioneiras para afrontar os retos, alegou, e proban como desde a confianza no noso potencial somos capaces de facer cambios transformadores.

“Iso é o que lle ofrecemos aos galegos e galegas o 5A: unha experiencia e un capital acumulados, que estamos preparad@s para gobernar, para que Galiza sexa gobernada desde Galiza, para deixar atrás o sucursalismo e as maiorías absolutista inútiles e poñer en marcha un cambio galego”, recalcou,

“Nos concellos ten o BNG unha equipa de persoas con solvencia, capacidade de xestión,  honestidade,  rigor para gobernar desde a humildade, sabendo escoitar e adaptando as solucións á realidade. Así é como queremos gobernar a Xunta. Temos detrás parte da receita que nos pode procurar o éxito porque estamos preparadas e preparados e temos vontade e ideas para transformar en positivo este país”, afondou.

No terreo das propostas, Pontón avanzou como prioridade de goberno corrixir o déficit de financiamento que soportan os concellos: “cada vez prestan máis servizos propios ou impropios, pero sen recibir os recursos suficientes”, explicou, tras comprometerse a que un goberno liderado polo BNG será aliado dos municipios.

Para iso, a proposta é impulsar un novo modelo de financiamento que pase por un concerto económico, no que sexa Galiza quen recade o 100% dos recursos e faga unha distribución en función da realidade dos concellos.

50 € menos por habitante

Prioritario “acabar coa discriminación que soportan os concellos galegos na distribución dos fondos que chegan desde o Estado”, de tal xeito que reciben 50€ menos por habitante que a media estatal para xestionar os mesmos ou mais servizos. “Por poñer un exemplo, un concello como Carballo deixa de ingresar nada menos que 1,5 M€ por este modelo e penso que a Evencio se lle ocorren moitos proxectos aos que destinar estes cartos”, indicou en referencia ao rexedor bergantiñán.

En nome dos gobernos municipais, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que os concellos do BNG están “esperanzados co cambio para ter un goberno aberto e que trate por igual a todos os concellos do país. Imos traballar fondamente para que iso suceda”, asegurou.

“Onde gobernamos demostramos que sabemos facelo e todo ese capital humano, toda a experiencia acumulada neses gobernos imos poñela a disposición dese cambio galego”, concluíu González.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG