Ana Pontón pídelle que free os recortes e privatizacións no Complexo Hospitalario de Ourense

Visita ao CHUO
Visita ao CHUO

Noa Presas: “Non é de recibo que o Hospital de Ourense non teña servizo de limpeza as fins de semana”

A portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada da deputada por Ourense, Noa Presas, e cargos locais do BNG, visitaron o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) onde mantiveron un encontro coa xunta de persoal para coñecer de primeira man as súas demandas de maior recursos materiais e humanos para este centro hospitalario.

Pontón acusou ao presidente da Xunta de colocar o sistema público de saúde nunha situación límite. “A sanidade pública está en estado de shock non pola gripe senón polo virus dos recortes e da privatización do PP e de Feixóo”, denunciou, cuxas consecuencias son especialmente visibles no CHUO, onde á falta de persoal e de especializacións se suma agora unha ampliación cun número de camas moi inferior ao comprometido polo SERGAS.

As consecuencias do acoso e derribo á sanidade pública a pagan os e as doentes, “en particular nun provincia como Ourense cun alto porcentaxe de envellecemento, o que fai que a demanda de atención sanitaria sexa maior, e en vez de ter un reforzo a Xunta recorta en camas, en persoal, en medios, en recursos e en medicamentos, o que leva a sanidade pública a unha situación de deterioro crecente”, reiterou.

Para obrigar ao Goberno do PP a variar este rumbo, Pontón insta a facer un seguimento masivo da manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Santiago este vindeiro 4 de febreiro, “como xa respondeu a cidadanía de Ourense de xeito masivo fronte aos recortes e a privatización, o único no que o PP ten unha nota alta”. Agora propón “unir a voz de todos os galegos e galegas nesa manifestación” para frear a “contrarreforma sanitaria” que pretende aprobar Feixóo no vindeiro pleno.

Pontón tamén avanzou que o BNG rexistrou no Parlamento unha proposición de lei para modificar os orzamentos de 2018 e destinar 234M€ adicionais a financiar a atención primaria, porta de entrada ao sistema público de saúde pero sometida a continuos recortes por parte do PP.

“O BNG moveu ficha poñendo unha alternativa sobre a mesa”, anunciou, para sufragar un plan de plan de contratación de persoal e a dotación de máis medios para a atención primaria. “É unha cuestión clave que se soluciona con vontade política, con máis medios e recursos, pero non cun Goberno que cando a cidadanía enferma lle pide que non acuda aos hospitais. Iso é unha falta de respecto”.

Por contra, “o que se necesita é que os hospitais estean ben dotados e que non haxa listas de espera en atención primaria, por iso no BNG agardamos que haxa receptividade do PP no debate desta proposta no Parlamento, en lugar do portazo que habitualmente lle da Feixóo a todas as propostas”.

Conflito da limpeza no CHUO

“A Xunta está empeñada en desmantelar a sanidade de Ourense”, denunciou a deputada por esta provincia, Noa Presas, despois da reunión co comité das traballadoras que prestan o servizo de limpeza no CHUO, privatizado, “que a día de hoxe non foron nin recibidas pola Xerencia do hospital,  ás que, por contra,  está presionando cuns servizos mínimos abusivos e cunha ratio de habitacións para limpar mesmo por riba do que recomenda a normativa de riscos laborais”.

“Estamos a falar dun hospital onde o servizo de limpeza é básico e non é de recibo que non haxa servizo de limpeza no CHUO en fin de semana”, criticou, polo que o Bloque trasladará a situación deste colectivo ao Parlamento. O BNG tamén mantivo un terceiro encontro, neste caso cos traballadores do servizo de mantemento, parcialmente privatizado, para escoitar de primeira man as súas denuncias sobre o deterioro do Hospital de Ourense coa conivencia da Xerencia e do SERGAS.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG