Ana Pontón pide á Xunta que cumpra o seu compromiso e converta o cuartel de San Fernando nun centro referencial en Lugo

Cuartel San Fernando
Cuartel San Fernando
Anuncia que o BNG levará ao Parlamento unha iniciativa para o uso público do edificio como  Centro de Interpretación Galaico-Romano

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón visitou hoxe a cidade de Lugo, onde mantivo un encontro co equipo de goberno do BNG e o vicealcalde, Rubén Arroxo para avaliar as primeiras medidas municipais iniciadas por esta forza nacionalista no concello.

Ante o edificio do cuartel de San Fernando, a portavoz nacional do BNG denunciou a situación “deste ben emblemático” situado no corazón  da cidade e que presenta un grave deterioro por abandono, a pesar do seu carácter BIC.

Para a nacionalista, “a Xunta é a responsable” e lembrou que o propio concello de Lugo hai once anos cedeu o espazo á Xunta comprometéndose esta a dar unha solución ao cuartel. Hoxe, remarcou Pontón,  “estamos igual ou peor que hai dez anos” o que nos leva a pensar que o goberno de Feixóo “non ten ningún compromiso con esta cidade e desatende o coidado do noso patrimonio”. Neste sentido, Pontón anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego unha iniciativa para defender que o cuartel de San Fernando sexa “xestionado pola Xunta de Galiza”.

Na cidade de Lugo, explicou, existe un consenso para dedicar o espazo a un Centro de Interpretación Galaico-romano que permita poñer en valor a orixe da cidade e o seu importante patrimonio, ademais  dun centro de dinamización social, cultural e económica. “Un centro multifuncional e de uso público” que hoxe está pechado, reiterou.

Pontón asegurou que o cuartel de San Fernando é unha metáfora da situación da Xunta, “un goberno paralizado, sen iniciativas e proxectos que pensa que problemas dos galegos e galegas se solucionan con propaganda ou botándolle a culpa aos demais”.

Por outra parte, a portavoz nacionalista tamén criticou as declaracións de Núñez Feixóo a respecto dos datos de desemprego. Pontón lembrou que o presidente da Xunta non asume a súa responsabilidade cando responde que non é responsable do incremento  do paro. Na súa opinión,  estas afirmacións  demostran que  Feixóo  “é un cero á esquerda e cun goberno inútil que  non lle aporta nada a Galiza”.

A portavoz nacional do BNG pediu á Xunta que desperte do seu sono e exerza as súas responsabilidades sobre todo, ante a anunciada desaceleración económica que provocará graves problemas pola falta de creación de emprego.

Non podemos seguir “cun presidente durminte” que pensa que os problemas se van solucionar “manipulando os medios públicos” polo que instou a Feixóo a que asuma as súas responsabilidades e  de non facelo, “é mellor que deixe o seu cargo porque Galiza necesita ao fronte do goberno a un presidente ou unha presidenta que poña enriba da mesa alternativas económicas e deixar de laiarse ou buscar responsabilidades fóra.”

Si queremos ter futuro, non será con Feixóo nin co seu goberno “paralizado, durminte e sen iniciativas para o noso país”.

RUBÉN ARROXO RECLAMA O USO PÚBLICO DO EDIFICIO

Pola súa parte, o vicealcalde de Lugo, Rubén Arroxo denunciou “o abandono da Xunta sobre a cidade de Lugo e lembrou que, campaña tras campaña electoral o presidente da Xunta sempre se compromete con investimentos para a recuperación do edificio do cuartel.  Arroxo asegurou que o abandono do edificio está poñendo en risco a súa consistencia e ende o BNG, dixo sempre reivindicamos a súa recuperación e agora faise máis urxente para que os danos non vaian a máis.

O vicealcalde reclamou o uso publico do edificio e reiterou que existe un amplo consenso na cidade de Lugo para convertelo no Museo Galaico-romano

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG