Ana Pontón pide á Xunta e ao Goberno central “que se mollen” para garantir a produción e o emprego en ALCOA

Manifestación ALCOA
Manifestación ALCOA

Responsabiliza a PP e PSOE do “esperpento” de ter miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos nun país que exporta electricidade

Reclama a posta en marcha da mesa de ALCOA comprometida pola ministra de Transición Enerxética ante o cadro de persoal de San Cibrao

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación convocada polos traballadores e traballadoras de ALCOA en Lugo para reclamar unha solución que garanta a produción o os postos de traballo, tanto na factoría de San Cibrao e da Coruña, como no resto de empresas grandes consumidoras de electricidade.

“Estamos aquí para trasladar todo o apoio do BNG e para denunciar que estamos nun momento crítico con miles de postos de traballo en xogo no sector do aluminio que baixo ningún concepto podemos deixar caer, porque sería o colmo do esperpento que sendo Galiza unha potencia eléctrica en lugar de servir para crear riqueza e emprego sirva para seguir engordando os beneficios das eléctricas”, denunciou.

Pontón deixou claro que a situación de crise no sector industrial ten como responsables ao  PP e ao PSOE.

“O PP pola súa incapacidade para liderar unha alternativa desde a Xunta e porque son os autores do marco enerxético que nos levou a esta situación, e o PSOE porque se comprometeu a ter unha solución no pasado mes de abril e o único que vemos son medidas que agravan o problema”, indicou, en relación á última poxa eléctrica que prexudica á factoría.

“ALCOA ten futuro porque sabemos producir aluminio pero é necesario que haxa vontade política, que o Goberno do Estado se molle e aprobe sen máis demora o estatuto das electro-intensivas que signifique unha rebaixa do custe da luz e permita ás empresas ser competitivas. Esa baixada debe acompañarse de esixencias concretas ás empresas beneficiadas: manter os postos de traballo e investir en modernización”.

Pontón tamén resaltou a urxencia de poñer en marcha a mesa de ALCOA comprometida pola ministra de Transición Enerxética, Teresa Ribera, na súa visita á factoría de San Cibrao, “que se poña a traballar”, -reclamou-, porque a non pode agardar máis para ter unha solución. “Toca que os gobernos da Xunta e do Estado estean á altura das circunstancias para que non se perda nin un só posto de traballo”, concluíu. O estatuto das electrointensivas é unha das cuestións clave que forma parte da axenda galega do BNG ante o Goberno do Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG