Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón pide o voto para o BNG, “porque somos a única garantía de defensa de Galiza e dunha axenda social”

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Rego convencido de que os galegos e as galegas van aproveitar a oportunidade do 10N para recuperar voz propia no Congreso

“Imos a por todas para acabar co ninguneo das forzas estatais, temos que facernos valer e defender o noso”, afirmou Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu campaña cunha mensaxe directa ao electorado: “Este 10N a alternativa é clara: hai que votar BNG porque co BNG no Congreso Galiza gana, ganan os galegos e as galegas, porque somos unha forza política de palabra e con proxecto, e porque somos a única garantía para defender os intereses deste país xunto cunha axenda social de dereitos e liberdades”.

Coa mesma claridade, Pontón apelou ás persoas “cabreadas e desencantadas” co “espectáculo” das forzas estatais para que este 10N “aposten por algo diferente e confíen no BNG”. “Hai alternativa se optamos por defender o noso dándolle voz propia a este país da man da única forza que xoga a favor de Galiza”, salientou.

Unha defensa do país que contrapuxo coa “discriminación e o ninguneo permanentes” das forzas estatais, desde o bipartidismo PP-PSOE, -“expertos en dicir unha cousa na oposición e facer a contraria cando gobernan”-, a un Podemos que pactou os peores orzamentos do Estado para Galiza en vinte anos. Por contra, “o BNG nunca lle fallou a este país”, recalcou, “colocaremos Galiza no centro do debate político en Madrid”.

Neste sentido, a líder nacionalista deixou claro que, nun escenario sen maiorías absolutas, o Bloque será decisivo e condicionará a política do Estado en temas como a crise industrial, o espolio dos recursos enerxéticos, a estafa da AP9, a débeda en dependencia, a precariedade laboral que levou a emigración a 200.000 mozos e mozas, cuestións que formarían parte da axenda de país a defender ante o Goberno do Estado. “Temos que facernos valer e defender o noso”, sintetizou Pontón.

Apertura campaña A CoruñaO compromiso do Bloque é “dar a cara polos galegos e as galegas”, pero tamén poñer os seus escanos a favor dunha axenda social, de dereitos e liberdades,  e criticou que tamén niso lle fallaron a Galiza as forzas estatais.

PSOE e Podemos, -subliñou- continuaron co mesmo ninguneo do PP a Galiza,  e ademais foron “inútiles” na defensa dos dereitos e das liberdades, “porque aí seguen intactas a Lei Wert, a Lei Mordaza e as contrarreformas laborais. Nin dereitos socias, nin Galiza”, denunciou.

Tras quedar ás portas de obter representación o 28A, Pontón salientou que a formación nacionalista sae “a por todas” para devolverlle a Galiza o peso político que nunca debeu perder.  “Vascos, cataláns, canarias, valencianas e até Cantabria teñen voz propia no Congreso”, destacou, en contraposición cunha Galiza “desaparecida”, excluída do debate polo “servilismo” dos 23 deputados e deputadas electas “que só van a Madrid a facer o que lle mandan os seus xefes de filas”.

Por iso, “se queremos un país con futuro necesitamos organizacións políticas libres e a única organización política libre neste país é o BNG: é o momento de que Galiza recupere voz no Congreso tras o 10N”, concluíu na súa intervención no mitin de apertura de campaña na Coruña xunto co cabeza de lista por esta provincia, Nestor Rego, nun acto que estivo precedido por unha festiva celebración do magosto e do samaín.

Representación crucial

Rego destacou que nesta cita coas urnas “temos a oportunidade influír a favor de Galiza alí onde se  deciden tantos temas de especial interese para o país, nunha segunda oportunidade e debemos aproveitala porque para é crucial ter representación propia en Madrid”.

O candidato nacionalista tamén apelou  ao voto das persoas "defraudadas” cunhas forzas estatais “que deixaron vendido este país sen pular en ningún momento por defender os nosos intereses", sinalou, e puxo como exemplo o voto favorábel do PSOE e Podemos aos que cualificou como "os orzamentos máis daniños dos últimos vinte anos, tres veces menos que os 2.100 M € conseguidos cando os votos do BNG eran determinantes". 

Néstor Rego salientou que, desde o 28A "aclarouse o panorama electoral sendo desta volta o BNG a única forza galega que concorre e iso significa tamén que son moitas máis as persoas que se achegan de novo a nós e mostran de maneira clara o seu apoio, por iso estamos certos de que esta é unha oportunidade que os galegos e as galegas non van desaproveitar”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG