Ana Pontón pide desde a Semana Verde de Silleda que a Xunta sexa un aliado real do sector agrogandeiro

Semana Verde
Semana Verde

Considera estratéxico xerar valor engadido nos produtos do medio rural e propón unha fronte común para lograr máis fondos da PAC para Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita a Semana Verde de Silleda para destacar o potencial do sector agrogandeiro capaz de darlle futuro ao medio rural e, por iso, demando do Goberno galego que deixe atrás a súa pasividade para converterse nun colaborador do sector.

“A Semana Verde de Silleda serve de escaparate de toda a capacidade que ten o sector primario e o medio rural, esta feira demostra que temos un rural con ideas e con potencial, con xente que quere seguir producindo e que nos aporta alimentos de gran calidade”, salientou Pontón, o que falta é un Executivo que sexa “un aliado real” do sector agrogandeiro. “O PP Non ten a cabeza posta en dinamizar o medio rural, pola contra ten unha actitude pasiva que temos que mudar porque o noso país ten futuro”, recalcou.

A dirixente do Bloque tamén cualificou de “estratéxico” aportar valor engadido a que esa produción de calidade que aporta Galiza. “Temos base para producir alimentos de calidade e sobre todo, temos base para transformalos, para crear valor engadido e esa é unha das alianzas estratéxicas que o BNG quere promover con todo o sector”, explicou.

Pontón valorou a visita á Semana Verde e o contacto directo con multitude de produtores, como a oportunidade para dialogar co sector e poñer en común propostas para ser útiles tamén desde as institucións, tanto no Parlamento galego como na Eurocámara, tendo en conta que xa arrancou o proceso de elaboración dos fondos europeos para o período 2021-2017.

Semana Verde“Consideramos que é un tema prioritario porque se está negociando os fondos comunitarios dos próximos sete anos, o que significa que está en xogo parte do noso futuro, e está nas nosas mans conseguir que eses fondos sirvan para apoiar ao noso medio rural, as persoas que queren seguir producindo e consolidar un sector agrogandeiro forte”, explicou.

Por iso, avanzou Pontón, o BNG propón unha “fronte común” para defender os intereses dos e da produtoras do país en varias direccións.

En primeiro lugar,  para reclamar un incremento dos fondos da Política Agraria Común (PAC); en segundo lugar, que eses fondos se destinen a quen realmente produce e, por último, que haxa criterios de reparto que teñan en conta a realidade galega para non o sector primario galego non sexa discriminado unha vez máis na distribución dos cartos que chegan vía fondos comunitarios.

“É posible facelo se hai empuxe social, institucional e vocación de defender os intereses de Galiza, e a esa labor convocamos a todo sector agrogandeiro  pero tamén a todas as forzas políticas galegas, porque este é un tema de país que non debe quedar atrás por intereses partidistas”, concluíu.

Stands empresas Comarca Deza

Pontón fixo un amplo percorrido polos stands da feira acompañada dos responsables locais e comarcaris do BNG, deténdose especialmente nos escaparates que tiñan as empresas da comarca, entres elas os stands Cogal (Rodeiro), Ferrodeza, Hijos de Roberto Fuerte SL, Galo do curral, Elena Ferro, Zocos e Coiro, todos de Vila de Cruces, o stand do Concello de Lalín,  Hoxe, sociedade cooperativa Galega, Galitec desarrollos tecnológicos, todos de Lalín, e a Soutelana (Forcarei) entre outros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG