Ana Pontón pide a Sánchez que rectifique e recorra unha sentenza que branquea o Franquismo e repugna a calquera demócrata

“Se eu fose presidenta da Xunta estaría presentando un recurso”, proclama

Indemnizar aos Franco é intolerable e unha labazada na cara de todas as persoas que levan décadas de loita contra a impunidade franquista, alega

BNG considera a última sentenza en relación ao Pazo de Meirás “inaceptable”, ademais “dunha labazada na cara de todas as persoas que levan décadas loitando pola recuperación da memoria histórica e en contra da impunidade do Franquismo”, denuncia a portavoz nacional, Ana Pontón, despois de que  a Xustiza ditaminase indemnizar aos herdeiros do ditador por recuperar un ben espoliado ao pobo galego.

“É intolerable que haxa que indemnizar aos Franco despois de ter usado durante corenta anos un pazo roubado aos galegos e galegas, un pazo no que a familia do ditador estivo de okupa para o seu proveito e para o seu beneficio persoal, un ben dos e das galegas e se alguén tiña que pagar algún tipo de indemnización é a familia Franco”, denunciou Pontón.

Para a líder do BNG o máis sorprendente e que o Goberno central, que se autodefine como o máis progresista da historia,  renuncie a recorrer a sentenza en beneficio dos Franco.

“É sorprendente e inaudito que o Goberno de Sánchez renuncie a presentar recurso ante unha sentenza que branquea o Franquismo, porque asumir que hai que indemnizar á familia Franco é un branqueo e unha humillación para calquera demócrata. E por iso desde o Bloque pedímoslle ao Executivo central que rectifique e que dea instrucións á avogacía do Estado para que recorra unha sentenza que é intolerable, que repugna a calquera demócrata e que supón un branqueo do Franquismo”.

“Desde logo, se eu fose presidenta da Xunta estaría recorrendo esta sentenza vergoñenta e inasumible”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG