Ana Pontón pide a Sánchez que Galiza reciba un 8,2% das vacinas para non discriminar as persoas de máis de 80 anos

“Se reparten 200.000, 16.400 deben ser para Galiza, nin unha menos, e non poden computar as doses de AstraZéneca por non ser aplicables a este colectivo”, explicou 

Avanza que o BNG non vai apoiar unha reforma da Lei de Saúde que non aporta solucións e que responde á pandemia con sancións e multas

A portavoz nacional, Ana Pontón, demanda ao Goberno do Estado que Galiza reciba o 8,2% das vacinas que se distribúan por parte do Ministerio de Sanidade até completar a protección de todas as persoas maiores de 80 anos, por ser esta a porcentaxe de poboación nesta franxa de idade,  o colectivo que é agora prioritario dentro da planificación establecida no proceso de vacinación.

“Se o Ministerio de Sanidade envía esta semana 200.000 doses, por poñer un exemplo, Galiza deber recibir 16.400 vacinas, nin unha menos, para non discriminar aos nosos maiores, e esas vacinas teñen que ser das que se poidan aplicar a este colectivo, polo tanto, non se pode ter en conta as doses que se envíen de AstraZéneca que, desde logo, son moi ben recibidas pero que non son aplicables as persoas maiores e polo tanto non se poden computar nesa porcentaxe do 8,2% que lle corresponden a Galiza nesta fase da vacinación”, explicou a líder nacionalista en rolda de prensa.

Pontón indicou que, até agora, Galiza recibiu menos doses das que lle correspondería pola súa porcentaxe de poboación, pero que o BNG non fixo ningún tipo de crítica ou reclamación porque o colectivo a vacinar eran as persoas usuarias e traballadoras das residencias, que neste país está por debaixo da media estatal. “Pero agora entramos nunha fase na que a situación é a contraria pois temos unha porcentaxe de poboación maior de 80% superior á media e, por tanto, as vacinas que recibamos deben ter en conta esta realidade”, argumentou.

A líder nacionalista lamentou que o Goberno da Xunta sega sen dar a coñecer cales son os medios extraordinarios contratados e postos a disposición do proceso de vacinación, máxime coa vista posta no momento en que deixe de haber problemas no subministro do antídoto.

En relación á evolución da pandemia, a portavoz do Bloque valorou a mellora da situación cuns datos que indican que está superada o peor da terceira onda, pero subliñou que aínda hai 146 persoas na UCI e que son xa 2.176 as persoas falecidas, máis da metade en apenas tres meses. Ao que se suma a aparición de novas cepas ás que os expertos atribúen unha maior capacidade de contaxio.

Neste contexto, Pontón insiste en actuar con prudencia e non baixar a garda. “Hai que ser moi cautos  á hora de tomar medidas ante unha eventual desescalada para evitar unha cuarta onda que sería o peor escenario”, alegou, despois de trasladar o seu recoñecemento aos profesionais da sanidade polo esforzo e ao conxunto da cidadanía que, pese ao esgotamento pandémico, segue mostrando un comportamento maioritariamente exemplar.

En relación á posición do BNG en relación a Lei de Saúde que será debatida no pleno do Parlamento, a nacionalista avanzou que o seu grupo “non pode apoiar unha lei que non vai aportar solucións na loita contra a pandemia e que, por contra, crea problemas onde non os hai. Ante unha crise sanitaria, que tamén deixa unha crise económica e social sen precedentes en tempos de paz, a resposta dun goberno non pode ser multas e sancións”, alegou.

Preguntada polas críticas de Feixóo ao seu xefe de filas tras o resultado das eleccións catalás, Pontón indicou que unha nova entrega “desa especie de culebrón Feixóo-Sánchez, un culebrón que aburre aos galegos e as galegas, e penso que o problema é que Feixóo parece estar máis pendente das conspiracións dentro do PP que de facerlle fronte á pandemia”. Ao BNG, indicou, “o que lle preocupa e que Galiza teña un goberno ao 100% e non a un presidente mirando de reollo se pode dar un paso máis neste culebrón que, sinceramente, nos ten aburridos e aburridas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG